publicidade hoxe

O PAS renova con 191.820 euros os centros socioculturais do concello de Mazaricos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMazaricos
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Acción Social (PAS) financiou con 191.820 euros obras de rehabilitación e conservación nos equipamentos socioculturais de Asenso, Cives de Abaixo, A Curra, Maroñas, Suevos, Vilaferreiros e no centro de Interpretación da Mina da Parxubeira, todos eles no termo municipal de Mazaricos.

A mellora destes centros persigue o obxectivo de dinamizar a vida social nas zonas rurais, xa que acollen actividades culturais e de lecer organizadas polo concello e as asociacións veciñais, e diversas formacións destinadas á poboación da terceira idade.

Os proxecto financiado pola Deputación permitiu por en valor estas dotacións, acondicionando os espazos libres das parcelas e reformando tanto os pavimentos dos accesos coma os peches. Para remediar a aparición de humidades, que constituían unha problemática común en todas as instalacións, executáronse drenaxes perimetrais en todo o contorno, que evitan as infiltracións de auga.

Así mesmo, procedeuse á eliminación de barreiras arquitectónicas para garantir a accesibilidade universal, tendo en conta que os usuarios destas dotacións son, na súa maioría, persoas da terceira idade. Tamén se adaptaron os edificios ás normativas vixentes de protección contra incendios, colocando extintores e instalando luces de emerxencia nas escaleiras e nas saídas

Asenso, Vilaferreiros e Suevos

Os locais socioculturais de Asenso, na parroquia de Chacín; Suevos, na parroquia de Coiro, e Vilaferreiros, na parroquia de Alborés, presentaban carencias similares nas súas estruturas, que se resolveron coa rehabilitación das envolventes dos tres inmobles, garantindo así a salubridade e habitabilidade dos mesmos. Unha vez reparadas as estruturas principais, arranxáronse os zócolos e a pintura afectados polo mofo e a humidade.
En canto ao exterior dos centros, levouse a cabo o pintado das fachadas e revisouse o estado dos caneiros e baixantes de augas pluviais.

Co obxectivo de humanizar o entorno e dotar aos centros dun espazo de ocio e espallamento ao aire libre, incorporáronse zonas de asento e arborado. Así mesmo, reparáronse e pintáronse os muros de peche das parcelas, para unha mellor integración na paisaxe.

Cives de Abaixo

O centro cultural de Cives de Abaixo conta cunha superficie de máis de 130 metros cadrados, que da servizo aos 350 habitantes da parroquia de San Salvador de Colúns. Para mellorar estas dotacións, acondicionouse a planta primeira para acoller unha sala de reunións e substituíuse a instalación eléctrica e a iluminación, que se atopaban obsoletas. No exterior, revestiuse e pintouse a fachada e reparouse o pavimento da pista deportiva.

A Curra

No local sociocultural da Curra, na parroquia de Santiago de Arcos, reparáronse os xogos infantís e os bancos do exterior, e substituíuse toda a carpintaría exterior para mellorar o illamento e a eficiencia enerxética do inmoble. A renovación completouse co lixado e vernizado das portas de paso interiores.

As Maroñas

Na parroquia de Santa Mariña de Maroñas, que conta con 334 habitantes, reformáronse as instalacións situadas no lugar de Liñares. A principal reforma executouse na parcela exterior, onde se acondicionaron os espazos verdes e a pista deportiva, construíuse un camiño de acceso entre o portal e a edificación e reparouse o tellado con tella cerámica do país. Tamén se repararon as fendas e fisuras de toda a fachada, que posteriormente foi repintada.

Centro de Interpretación da Mina da Parxubeira

O centro que se rehabilitou cos fondos provinciais foi concibido como unha dotación cultural para dar a coñecer e divulgar os valores do xacemento megalítico da mina da Parxubeira, que forma parte do conxunto megalítico de Porto Coído. Na actualidade, combínase esta función coa de local social para os 287 veciños da parroquia de Eirón

O edificio foi obxecto de vandalismo nos últimos anos, ocasionando danos nas carpintarías de madeira e nos aseos e o roubo da caldeira de biomasa. As obras que financiou a Deputación resolveron estas deficiencias, incluíndo o lixado e o vernizado dos elementos de madeira da estrutura de cuberta e do interior do centro. Tamén se substituíron as carpintarías que se atopaban moi deterioradas, revestiuse de linóleo a zona de acceso e o aula e instalouse unha nova estufa de biomasa.

29 de decembro de 2016 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.