O parque natural das Fragas do Eume rexistrou 30.000 visitantes durante o 2016
O parque natural das Fragas do Eume rexistrou durante 2016 máis de 30.000 visitantes –sen contabilizar todo o mes de decembro-, o que supón un incremento de 3.000 persoas máis que no 2015.
Así o comunicou hoxe a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, durante a súa participación na reunión anual da xunta consultiva deste espazo natural, que tivo lugar no centro de información.
A representante autonómica destacou tamén o esforzo orzamentario realizado pola Xunta, que destinou ao longo deste ano un total de 240.000 euros para acometer distintas actuacións neste parque natural. En concreto, destacou o reforzo da atención aos visitantes, os programas de voluntariado, a conservación de hábitats ou o mantemento de infraestruturas verdes.
En canto a actuacións futuras, adiantou que se adxudicaría de forma inminente o contrato para o deseño e execución de campañas de divulgación e promoción do turismo de natureza sustentable e de educación ambiental que, cofinanciado polo FEDER, desenvolverase en todos os parques naturais galegos e dará servizo de atención ao público.
Xuntas consultivas
As xuntas consultivas están reguladas pola Lei 9/2011, de 21 de agosto, de Conservación da natureza, así como polo Decreto 265/2007, do 28 de decembro, que establece a composición das mesmas. Teñen como obxectivo colaborar na xestión do espazo protexido e canalizar a participación dos propietarios e os intereses sociais. Para conseguilo, contan con membros que representan ás administracións, aos propietarios e a entidades relacionadas cos parques naturais.