O Igape salienta a capacitación permanente dos directivos como clave para a consolidación das empresas
O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a capacitación continuada dos directivos empresariais como unha das claves para consolidar empresas competitivas e internacionalizadas, durante a súa intervención na apertura da xornada técnica Dirixir unha empresa hoxe, organizada conxuntamente coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) no marco do proxecto Capacita Directivos.
Aguilera afirmou que as empresas deben apostar pola constitución de equipos directivos capaces de definir e aplicar estratexias a medio e longo prazo. Neste sentido, salientou que eses son algúns dos obxectivos do proxecto Capacita Directivos, impulsado conxuntamente pola APD e o Igape, no que se insire a xornada técnica desenvolvida hoxe en Santiago, que incluíu relatorios sobre a dirección desde a confianza, sobre a xestión do cambio desde a intelixencia colectiva, sobre a adaptación e a transformación das empresas ou sobre os segredos que explican ó éxito de empresas centenarias.
O director do Igape insistiu en que a capacitación permanente do capital humano, especialmente dos cadros directivos, é máis importante en momentos como o actual, no que conflúen desafíos políticos e económicos, asociados á crise que se está a superar e á globalización, e desafíos tecnolóxicos que cómpre enfrontar no ámbito do novo modelo industrial no que estamos inmersos.
Aguilera lembrou que para facer fronte aos desafíos tecnolóxicos a Xunta está a desenvolver, baixo a coordinación do Igape, a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, habilitando servizos, como o programa ReAcciona e ReAcciona TIC, e liñas de axuda, como a que impulsa proxectos piloto no eido da fábrica intelixente e conectada, para apoiar ás empresas nestes novos retos, especialmente a través de proxectos colectivos.
Destacou especialmente o potencial do programa ReAcciona, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a capacitación dos equipos directivos das empresas, como instrumento para definir e aplicar estratexias de crecemento e consolidación a medio e longo prazo. O director do Igape salientou que as empresas, especialmente as pemes, deben apostar pola profesionalización de todas as súas áreas de negocio como mellor garantía para definir actuacións axeitadas para adaptarse aos cambios e para reaccionar con flexibilidade e rapidez.
O director do Igape engadiu que a Xunta, no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, está a impulsar accións para procurar que as empresas, especialmente as de pequena e mediana dimensión, dean o salto cualitativo necesario para superar os retos tecnolóxicos actuais; ao tempo que se amosou convencido de que todas as medidas, para seren eficientes e consolidables, deben partir de equipos directivos preparados e ter en conta ao capital humano.