publicidade hoxe

O DOG publica a licitación das obras da senda entre A Laracha e Paiosaco, cun investimento de 700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaA LarachaCee
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras da senda entre A Laracha e Paiosaco, na estrada A Coruña- Cee (AC-552), cun investimento de máis de 700.000 euros.

Coa publicación de hoxe no DOG comeza o proceso de contratación destas actuacións, tal como adiantou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o luns na súa visita ao Concello da Laracha, onde concretou que estes traballos iniciaranse antes do verán para rematalos no 2017. O prazo de execución establecido para este contrato é de 6 meses e as empresas interesadas no proxecto poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de xaneiro. Neste enlace pódese ampliar a información desta resolución.

Trátase dun itinerario peonil e ciclista, de máis de 1,5 km de lonxitude, proxectado pola marxe esquerda da estrada AC-552, que dará continuidade ás beirarrúas xa existentes entre os núcleos de Paiosaco e A Laracha, comunicando as zonas dos principais equipamentos.

Esta actuación está enmarcada no Plan de sendas de Galicia, na comarca de Bergantiños, onde para o Concello da Laracha se contemplan dous itinerarios para que os veciños realicen os seus desprazamentos cotiáns de forma cómoda e segura. Son dúas sendas que se van construír na marxe da estrada AC-552, a que vai da Coruña a Cee: unha delas entre A Laracha e Paiosaco e a outra entre A Laracha e O Cancelo.

A Xunta tamén está traballando no proxecto desta segunda senda entre A Laracha e O Cancelo, un itinerario de case 2 quilómetros ao que se destinará preto dun millón de euros. Concretou que actualmente está en supervisión co obxectivo de licitar as obras na primeira metade de 2017.

O Goberno galego, a través destes proxectos, traballa na busca de beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, significando menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio natural, garantindo menos contaminación acústica e mellora da calidade do aire, ao reducir a emisión de gas.

28 de decembro de 2016 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.