publicidade hoxe

O Consorcio Provincial contra Incendios de Pontevedra renova a súa frota coa adquisición de dous novos vehículos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra acaba de adquirir, mediante procedemento aberto, dous novos camións autobomba urbana lixeira que se sumarán á frota de vehículos do Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, o que suporá unha achega económica de preto de 568.000 €. Deste xeito substitúen os vehículos anteriores, de 12 anos de antigüidade, e que tiñan, ademais de diversas carencias derivadas do paso do tempo e do seu uso, repercusión na seguridade das e dos traballadores do Consorcio e na prestación e calidade do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento que ofrece a entidade.

Na actualidade o Consorcio Provincial do Servizo contra Incendios e Salvamento de Pontevedra conta con 16 vehículos cos que presta os seus servizos, distribuídos entre os parques de Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa. Son estes dous últimos, os de Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, os parques que recibirán estes dous novos vehículos. Deste xeito, os camións autobomba urbana lixeira darán servizo, preferentemente, por unha banda, aos concellos de Barro, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Portas, Ribadumia e Sanxenxo e, por outra banda, aos de Caldas de Reis, Catoira, A Illa de Arousa, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Estes 14 concellos son os de actuación preferente pola súa proximidade xeográfica, aínda que poden ser mobilizados para actuacións nos 49 concellos que integran o ámbito de actuación do Consorcio (todos agás aqueles nos que se prestan servizos con persoal propio e teñen parque de bombeiros propio, tanto de tipo local coma comarcal) e incluso naqueles nos que os servizos de emerxencias consideren necesaria a súa presenza polas dimensións da emerxencia.

Estes vehículos servirán para a prestación dos servizos contra incendios e salvamento do Consorcio Provincial de Pontevedra, coma a execución das competencias do servizo público de prevención, a extinción de incendios e salvamento e, máis concretamente, a colaboración cos servizos municipais de Protección Civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens, a prevención e extinción de incendios, a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco (incendios, derrames, explosións, inundacións, accidentes de circulación, rescates e demais situacións de emerxencia que poidan derivarse destes), e tamén o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade que afecten a persoas, edificacións e instalacións, así como o fomento da autoprotección.

14 de decembro de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.