O BNG de Santiago ve a posible venda do hospital de Galeras como unha “noticia agridoce”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O voceiro do BNG de Santiago, Rubén Cela, considerou a posible venda do hospital de Galeras como “unha noticia agridoce” para a cidade ao considerar que o edificio “non pode estar a máis anos deteriorarse” pero ao lamentar tamén que non se manteña o “uso público” e “asistencial”.

Así se pronunciou o voceiro nacionalista ao ser preguntado polos xornalistas sobre a oferta realizada pola inmobiliaria Asteriscos Real Estates de case 7,2 millóns á Universidade de Santiago (USC) polo edificio.

“É unha noticia doce na perspectiva de que parece que hai luz ao final do túnel. É evidente que o edificio non pode estar máis anos na situación na que está, deteriorándose e supoñendo mesmo un perigo,”, manifestou Rubén Cela, que asegurou que “non é malo” que haxa “visos de desbloqueo da situación”.

Con todo, sinalou que “a parte agre” é que a Xunta “fixo desleixo de funcións” ao perder “a oportunidade de ouro” de adquirir ese inmoble para convertelo nun “centro de atención a persoas da terceira idade, dende unha perspectiva residencial” e que albergase tamén un centro de día”, cuestións que, segundo indicou, “fan moita falta” en Santiago.

“A solución que se lle deu por parte da Xunta foi mirar para outro lado”, criticou Cela, que lamentou que a universidade se vise obrigada a vendelo “dende unha perspectiva inmobiliaria”. Ademais, criticou que provocase o “cambio de usos” do inmoble no Plan Xeral de Ordenación Municipal para que os baixos “puidesen ter un uso comercial”.

Ao respecto, Rubén Cela asegurou que “o último que necesita Santiago é unha superficie comercial máis” no centro”. Polo tanto, manifestou que “o ideal sería que mantivese usos públicos e que fosen de tipo asistencial”.

7 de decembro de 2016 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.