Nava Castro visita os traballos de acondicionamento dos Muíños de Folón e Picón
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de O Rosal, Jesús María Fernández Portela, visitou hoxe os traballos de acondicionamento da área de recepción de visitantes dos Muíños de Folón e do Picón para os que o seu departamento destina un total de 250.000 euros.
Os traballos que se están desenvolvendo dotarán aos Muíños de Folón e do Picón dunha área de recepción de visitantes, da que agora carece. A intervención inclúe a creación dunha área de chegada, dunha zona de aparcadoiro para turismos e autobuses e dun punto limpo para que os visitantes deixen recollidos os residuos que xeren durante a súa visita.
Así mesmo, estase a realizar un pequeno volume que acollerá os aseos para uso dos visitantes e tamén se acondicionará unha zona para charlas ao aire libre e descanso. Desta maneira, ademais de visitar o conxunto mediante unha ruta circular, poderanse realizar actividades complementarias e relacionadas co ocio e co turismo neste espazo natural.
Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia asegurou que esta mellora permitirá poñer en valor este conxunto patrimonial, declarado Ben de Interese Cultural, que constitúe un complexo histórico, etnográfico e industrial único en Europa. Ademais, segundo afirmou, potenciarase a oferta turística da comarca do Baixo Miño.
Así mesmo, Nava Castro aproveitou a ocasión para enxalzar que Galicia conta cun “rico patrimonio construído así como importantes tradicións, elementos etnográficos e da vida social e tradicional polos que debemos apostar para non perder esta cultura propia que nos identifica como pobo”.