publicidade hoxe

Nava Castro visita as obras para a mellora da accesibilidade turística no estuario do río Coroño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+
Nava Castro na visita a Boiro

Nava Castro na visita a Boiro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá as obras executadas no parque natural do estuario do río Coroño, consistentes na construción do itinerario de visita e de aseos adaptados para persoas con diversidade funcional, actuacións para as que Turismo de Galicia fixo unha achega de 50.000 euros. No acto tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde, Juan José Dieste.

As obras executadas recibiron financiamento do Goberno galego xa que Boiro foi un dos 82 concellos beneficiados pola liña de subvencións para a mellora da sinalización e da accesibilidade dos recursos turísticos no medio rural, convocada anualmente por Turismo de Galicia e que neste 2016 estivo dotada con máis de 1,33 millóns de euros.

A directora explicou que o turismo é un sector fundamental para o crecemento económico do medio rural e que favorece o reequilibrio territorial. As subvencións convocadas este ano destináronse a mellorar a sinalización e a accesibilidade en recursos turísticos como sendeiros homologados pola Federación Galega de Montañismo, rutas de Centros BTT, miradoiros, praias e bens de interese cultural.

Máximo histórico do turismo rural

Nava Castro lembrou que o seu departamento xa leva anos convocando estas axudas posto que contribúen a impulsar o turismo rural de Galicia, que este ano rexistrou un máximo histórico de viaxeiros aloxados nun ano non xacobeo, 193.300 entre xaneiro e outubro.

Así mesmo, Nava Castro detallou que nos primeiros dez meses de 2016 e en relación ao mesmo período do ano anterior, o turismo rural de Galicia rexistrou un aumento do 8,7% en canto a viaxeiros aloxados e dun 17,7% en canto ás pernoitas efectuadas polos estes.

Xeodestino da ría de Arousa

A directora tamén expuxo que as actuacións que pon en marcha o seu departamento, como a devandita liña de subvencións, están a mellorar o turismo local. En canto ao xeodestino da ría de Arousa, no que se inclúe Boiro, os datos turísticos globais están sendo moi satisfactorios, segundo afirmou Nava Castro. Así, entre xaneiro e novembro deste ano este xeodestino rexistrou uns 470.400 viaxeiros aloxados e preto de 1,4 millóns de pernoitas, o que supón un aumento do 5,5% e do 8,47%, respectivamente, en relación ao mesmo período do ano pasado.

28 de decembro de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.