publicidade hoxe

Nava Castro destaca o peso do mercado portugués que supón o 15,4% do turismo internacional de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou hoxe que Portugal é o principal mercado turístico internacional de Galicia con 172.499 viaxeiros e 278.763 pernoitas nos dez primeiros meses de 2016, representando o 15,4% do total do turismo internacional da Comunidade. A directora fixo estas declaracións durante a súa intervención na xornada As relacións económicas entre Galicia e o norte de Portugal celebrada no Consello Económico e Social de Galicia.

Neste sentido, Nava Castro explicou que nos primeiros dez meses deste ano o mercado portugués superou nun 17,6% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 15% o número de noites rexistradas na Comunidade galega en relación ao mesmo período do ano anterior.

A directora expuxo que o “importante peso” do turismo portugués en Galicia se debe a factores como a proximidade xeográfica, as boas accesibilidades viarias e aéreas e a similitude dos idiomas de ambas as dúas rexións.

Camiño de Santiago

Así mesmo, Nava Castro enxalzou o peso do Camiño Portugués no turismo que recibe Galicia ao ser a segunda ruta máis transitada do Camiño de Santiago, despois do itinerario francés, concentrando o 18% dos peregrinos que chegan a Compostela con 52.000 peregrinos, 13.000 deles de nacionalidade portuguesa, dos 277.000 que recibiu Galicia no que vai de ano. Ao respecto, engadiu que neste 2016 Galicia xa recibiu máis peregrinos que no último Ano Xacobeo 2010 e que a ruta portuguesa rexistrou 10.000 peregrinos máis que no mesmo período do ano pasado.

Á vista destes datos, a directora cualificou o Camiño Portugués como o “produto estrela” que debe reforzar a unión de Galicia e o norte de Portugal para tender a unha colaboración interadministrativa que permita impulsar o turismo da Eurorrexión e asegurar unha identidade única en cuestións como a sinalética, a comunicación ou a política de albergues.

Coordinación das políticas turísticas

Así mesmo, Nava Castro mencionou outras políticas de traballo comúns dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da gastronomía, do termalismo, da enoloxía, do turismo cultural, do de natureza ou do turismo náutico e mariñeiro, entre outros, de cara a unha promoción conxunta que procure un destino competitivo, diferencial e de calidade e que favoreza aspectos como a concorrencia a convocatorias de fondos comunitarios.

Unha destas iniciativas, segundo a directora, é o programa de viaxes de familiarización para profesionais do turismo e da comunicación de ambos territorios que está en marcha de cara a que os axentes turísticos e xornalistas portugueses poidan coñecer a oferta turística de Galicia e viceversa.

En canto ao turismo náutico e mariñeiro a directora asegurou que está a cobrar “grande importancia” para as dúas rexións e que queda demostrado que é unha aposta segura á vista do éxito dos cruceiros costeiros postos en funcionamento nas rías galegas durante sete meses ao ano e que postulan a nosa comunidade como un destino náutico internacional.

13 de decembro de 2016 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.