publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente licita a obra de optimización dos bombeos da pasaxe e do Temple por 2,1 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou esta mañá que o Diario Oficial de Galicia publicará mañá o contrato polo que se licita a obra de optimización dos bombeos da pasaxe e do Temple, por un importe de 2,1 millóns de euros, co que se dará un novo paso cara o saneamento integral á ría por parte da Xunta.

Así llo trasladou esta mañá ao alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, co que mantivo unha reunión e na que lle presentou o proxecto que se licitará e que consistirá na construción dun sifón, que permitirá diminuír significativamente os alivios á ría e incrementar a eficiencia enerxética do sistema posibilitando un importante aforro nos custos da Edar de Bens. En definitiva, esta actuación beneficiará a todos os concellos que envían as súas augas residuais á depuradora e, polo tanto, tamén aos veciños e veciñas, xa que este sifón vai desviar a auga residual ata o túnel de Bens sen facela pasar polo bombeo da Pasaxe e tamén inclúe melloras nos bombeos de Asteleiros e de Pasaxe Vello.

Indicou que esta nova actuación súmase á obra para a construción do tanque de tormentas de Santa Cruz, cun orzamento total de 3,6 millóns de euros, que se iniciarán nas vindeiras semanas, despois de asinar o contrato.

Mato Otero salientou que a Ría do Burgo é unha prioridade estratéxica para a Xunta de Galicia, tal e como demostra o investimento de máis de 100 millóns de euros no seu saneamento nos últimos 15 anos. Recordou que a Xunta contou cunha folla de ruta fundamental, como o Plan de saneamento local para O Burgo, un exhaustivo estudo da situación da ría e nel identifícanse as actuacións prioritarias. “Un esforzo económico e de colaboración que xa ten incidido de forma directa na mellora do seu estado, pero que somos conscientes de que se debe seguir mellorando”, salientou.

A conselleira tamén manifestou que os orzamentos de 2017 de Augas de Galicia volven a superar os 100 millóns de euros e deste importe un terzo destinarase especificamente á construción de novas infraestruturas hidráulicas nas nosas rías.

En definitiva, ao longo dos próximos catro anos seguirase a traballar para completar o saneamento integral das rías galegas, co obxectivos de que no horizonte 2020 se conclúa toda a planificación do saneamento das rías e a maior parte das infraestruturas estarán executadas ou en servizo.

15 de decembro de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.