publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente comeza os traballos de apertura da lagoa de Valdoviño para evitar inundacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaValdoviño
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciou esta mañá os traballos para abrir a canle de desaugadoiro da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, dado que, tras as últimas chuvias, acadou o nivel crítico de auga a partir do cal se producen inundacións que causan danos tanto nos ecosistemas como na seguridade pública.

O departamento autonómico segue así o protocolo establecido no decreto 30/2015 polo que se aproba o Plan de conservación da Lagoa e Areal de Valdoviño, que converteu a este enclave no primeiro humidal protexido de Galicia que conta con esta figura de protección.

A lagoa da Frouxeira foi sometida no século anterior a diferentes cambios, xerados na maioría dos casos por presións antrópicas, o que provocou a modificación do funcionamento hidroecolóxico do sistema barreira litoral – lagoa.

Actualmente, prodúcense ciclos nos que a canle de comunicación entre a lagoa e o mar permanece pechada e, cando se produce unha suba do nivel de auga, prodúcense inundacións na zona viaria e nas vivendas, seguido dunha rotura brusca da barreira litoral e o baleirado da lagoa. Para evitalo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural habilita a apertura desta canle artificial temporal que permita desaugar a lagoa.

O Plan de conservación, e polo tanto tamén este protocolo concreto, parte dun diagnóstico exhaustivo sobre os principais riscos que afronta o lugar, para establecer unha regulación de usos e unhas liñas de acción para a recuperación, protección e divulgación dos seus valores actuais.

A lagoa

A lagoa de Valdoviño, que constitúe un dos cinco humidais protexidos de Galicia, está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. Este complexo húmido constitúe un dos lugares de maior diversidade de Galicia, tanto pola presenza de hábitats naturais e seminaturais de especial relevancia como polo importante número de especies da fauna e flora protexidas.

Este lugar conta con diferentes figuras de protección co obxecto de preservar os seus valores naturais: humidal de importancia internacional (convenio Ramsar), zona de especial protección para as aves (ZEPA), zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN), humidal protexido e zona de especial conservación (ZEC). Por tal motivo e co obxectivo de harmonizar a protección e conservación deste espazo natural protexido cos usos e co desenvolvemento da poboación existente, aprobouse este plan de conservación.

O ámbito territorial do Plan de conservación abrangue unha superficie de 485,23 ha e correspóndese coa delimitación establecida polas figuras de protección de humidal protexido. O espazo natural protexido conta con 29 hábitats considerados de interese comunitario e 160 especies da fauna e flora con algunha figura de protección.

19 de decembro de 2016 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.