Medio Ambiente colaborará no acondicionamento da marxe dereita do río Avia con 20.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará con 20.000 euros no acondicionamento da marxe dereita do río Avia, no concello de Leiro.
Así se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Francisco José Fernández, durante unha reunión que tivo lugar en Santiago de Compostela.
O río Avia, afluente do Miño, discorre por este concello ourensán. Sobre a súa canle, próximo a área recreativa das Poldras e a súa praia fluvial, hai unha pasarela peonil de madeira na ribeira dereita, que está pechada ao paso debido ao deterioro sufrido polo transcurso do tempo.
O obxectivo desta actuación é substituír a pasarela peonil por unha senda fluvial que, discorrendo por esta mesma marxe dereita, dea continuidade ao paseo fluvial, ao tempo que interconecta de xeito máis directo o paseo coa trama urbana do núcleo.