Licitada a redacción do proxecto para a construción dun aparcadoiro subterráneo na estación intermodal de Ourense
A Xunta de Galicia vén de licitar a redacción do proxecto básico e de execución para a construción dun aparcadoiro subterráneo para turismos no ámbito da estación intermodal de Ourense. O Diario Oficial de Galicia (DOG) fai publico hoxe o inicio do concurso público para este contrato, cun importe de case 91.000 euros, cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e conta cun prazo de execución de 6 meses.
Os licitadores terán de prazo para presentar as súas propostas quince días naturais contados dende o día seguinte desta publicación no Diario Oficial de Galicia. Para coñecer máis detalles sobre esta resolución os interesados poden consultar esta dirección.
Este aparcadoiro supón unha actuación complementaria á construción dunha terminal de autobuses ao carón da estación de ferrocarril na cidade de Ourense, en cuxo proxecto construtivo está xa avanzar o Goberno galego, tendo moi avanzado o proxecto básico.
Coa intermodal para Ourense inténtase achegar a estación de autobuses a unha ubicación máis céntrica e facilitar o intercambio de viaxeiros entre modos de transporte.
A terminal de autobuses contará con 19 dársenas e un edificio terminal duns 430 m2, ademais, a superficie total chegará a 5.800 m2 e, tanto a terminal, como as dársenas se construirían ao nivel da rúa.
O Goberno galego aposta pola intermodalidade para fomentar o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e acadar unha mobilidade máis sostible na comunidade.