publicidade hoxe

Jesús Vázquez salienta que o CHUO ten operativas todas as súas camas e conta con plena capacidade de ingreso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) ten operativas o 100% das súas camas e conta con plena capacidade de ingreso de pacientes, tanto urxentes como programados. Indicou, ademais, que a ratio de atencións/ingresos urxentes atópase dentro dos parámetros considerados óptimos.

Segundo sinalou, o Servizo de Urxencias deste centro está dotado estruturalmente de dependencias coa capacidade axeitada para atender o número de urxencias que recibe: 69.000 urxencias ao ano, unha media 190 ao día, con picos que poden chegar a 256 pacientes diarios e con mínimos de 155.

Os servizos de Urxencias, observou, son unha das principais entradas ao hospital, polo que, en determinados momentos, o paciente ao que se lle prescribe un ingreso debe permanecer un tempo prudencial no servizo, ata seu traslado a unha habitación. Para axilizar estes traslados internos dentro do hospital, o CHUO conta con distintas unidades, con camas de preingreso ou tránsito, que permiten atender sempre en condicións axeitadas á persoa ingresada ata seu traslado á habitación.

Tanto estas unidades intermedias como as unidades colchón das que se dispoñen no Edificio Santa María Nai, permanecen inoperativas a maior parte do ano, ao haber habitacións libres no resto do hospital. A súa función é estacional ou de apertura rápida en situacións de sobreaforo, cando se procede a dotalos do persoal necesario para garantir a correcta asistencia.

Neste sentido, Vázquez Almuiña lembrou que no Santa María Nai, separado nuns 300 metros do núcleo central de hospitalización non pode ingresar calquera tipo de paciente, xa que estarían separados de servizos como UCI, Pneumoloxía, Dixestivo, Cardioloxía, etc. Este aspecto solventarase de xeito definitivo coa próxima apertura do novo edificio de hospitalización, plenamente comunicado co núcleo central.

O conselleiro salientou que, precisamente para mellorar a confortabilidade e calidade asistencial de urxencias, a Dirección realizou en 2015 obras de reforma e ampliación de Urxencias, creando unha nova Sala de Diagnóstico e Tratamento, cunha capacidade máxima para 27 pacientes, o que duplicou o espazo anteriormente dispoñible para esta función, permitiu destinar a sala existente a atención de pacientes e levou consigo un aumento do persoal de enfermería asignado o que reverteu nunha maior calidade dos coidados e da seguridade do paciente.

Tamén no Servizo de Urxencias, en 2013 púxose en funcionamento unha nova Unidade de Alta Precoz, dotada con dez camas destinadas á atención daqueles pacientes urxentes que requiren un período de observación ou estabilización superior ás 24 horas, que poden así ingresar nunha habitación evitando súa permanencia en Urxencias, coa confortabilidade e intimidade dunha área de hospitalización habitual. Esta unidade, antes inexistente, cubre un espazo intermedio entre a estanza en observación e súa alta a domicilio, dignificando as condicións do ingreso destas persoas.

Sobre a dotación de persoal, explicou que o Servizo de Urxencias do CHUO ten un cadro formado por 34 médicos, 45 enfermeiros, 38 auxiliares de enfermería, 38 celadores e 14 administrativos. Segundo dixo, está dentro dos criterios de máximos que indica como óptimos a Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias. Tanto nestes servizos como no conxunto do centro, reiterou, a dotación de persoal está perfectamente dimensionada tendo en conta o total da actividade anual.

28 de decembro de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.