Increméntase un 30% o orzamento para o financiamento dos servizos sociais comunitarios na Coruña
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o incremento no financiamento para a contratación do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais no marco do Plan Concertado na cidade da Coruña. Grazas ao reforzo de 117.739 euros, un 28% máis que no ano anterior, o municipio coruñés poderá contratar 4 traballadores sociais máis, cos que se chegará a 18. “Deste xeito, A Coruña poderá ofrecer unha mellor e máis pronta atención a todos aqueles que o precisen”, asegurou o director xeral.
Ao fío disto, Arturo Parrado debullou o reforzamento na provincia da Coruña, que contará con 21 traballadores sociais e 7 educadores sociais máis que no pasado ano, que dispuña dun plantel de máis de 200 traballadores. En total, para A Coruña e o resto de municipios da provincia beneficiados por esta medida, Parrado apuntou que se destinarán un total de 770.913,05 euros, o que supón un incremento de máis do 23,9% con respecto a 2015. Atendendo ao tamaño poboacional de cada concello, o financiamento distribuirase entre 7 concellos de menos de 5.000 habitantes; 10 concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes; 6 concellos entre 10.001 e 20.000 habitantes; 12 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes e un total de 5 concellos con máis de 50.000 habitantes. Así, poderán beneficiarse deste reforzo os concellos de Ames, Arteixo, Arzúa, Boiro, Cambre, Carballo, Cedeira, Cee, A Coruña, Ferrol, Narón, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Ribeira, Santiago de Compostela, Vimianzo e concellos da comarca de Ordes.
Nesta liña, Parrado explicou que este aumento orzamentario enmárcase na resolución pola que se aprobou o financiamento do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais no marco do Plan Concertado e se sitúa nos 960.289,50 euros, o que permitirá contratar a un total de 63 profesionais, nomeadamente 50 traballadores/as sociais, 10 educadores/as sociais e 3 psicólogos/as en toda Galicia.
Nos últimos anos, os servizos sociais comunitarios dos concellos, como porta de entrada ao Sistema de Servizos Sociais, rexistraron un incremento da demanda de atención, á vez que se deu a necesidade de maior implicación do persoal para facer efectivas as medidas de loita contra a pobreza e a exclusión social impulsadas pola Consellería de Política Social. “Co obxecto de manter un nivel de atención de calidade e garantir a efectividade das medidas postas en marcha polo departamento autonómico para loitar contra a pobreza e a exclusión social, levarase a cabo este reforzo”, indicou o director xeral.
A medida, beneficiará nun primeiro termo a 40 concellos e entidades locais de Galicia, como titulares dos servizos sociais comunitarios e beneficiarios destas transferencias finalistas para o cofinanciamento do seu persoal, asegurou Parrado. “Dun xeito máis amplo, tamén beneficiará a todas as administracións públicas e entidades que forman parte do sistema galego de servizos sociais, xa que mellorará o funcionamento de todos os demais niveis de actuación e atención”, engadiu o titular autonómico.
O incremento de persoal dos servizos sociais comunitarios municipais redundará nunha mellora nos tempos e na calidade da atención que prestan á cidadanía. Ademais, acadarase unha maior efectividade das medidas que requiren da implicación destes axentes para acadar os obxectivos de loita contra a pobreza e a exclusión social recollidos na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020.
Incremento dos módulos económicos
Esta medida súmase á de actualización á alza do 12% dos módulos económicos para o cofinanciamento do persoal dos servizos sociais comunitarios, publicada a través dunha orde o pasado mes de xullo. Ambas medidas, no seu conxunto, supoñen un incremento de preto de 2 millóns de euros no orzamento destinado pola Comunidade Autónoma ao financiamento do persoal dos servizos sociais comunitarios municipais, o que totaliza unha suba do 22,40%.
Arturo Parrado finalizou a súa intervención destacando que este reforzo do persoal forma parte dos compromisos asumidos pola Administración autonómica no marco da Axenda Social asinada conxuntamente pola Xunta de Galicia, a FEGAMP e a Rede Galega contra a Pobreza no pasado mes de xuño.