publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Impulso á diversificación do traballo artesán das redeiras na Guarda cun curso de formación centrado na bixutería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaLocal Portada
A-
A+
Sol Vázquez na visita ao curso que se imparte na Guarda

Sol Vázquez na visita ao curso que se imparte na Guarda

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, visitaron hoxe na Guarda o curso Perfeccionamento de deseño e produción de novos produtos de bixutería que a deseñadora Montserrat Álvarez está a impartir nas instalacións da Asociación de Redeiras Atalaia.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar uniron forzas na aposta pola promoción e a diversificación profesional dun sector tradicional como é o das redeiras artesás de Galicia a través do proxecto Enredadas que coordina a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e que se desenvolve desde o ano 2012.

Este ano, no marco desa iniciativa, celebrouse en Corme un curso impartido pola deseñadora Rosalía Castro; en Rianxo tivo lugar o curso Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda que impartiron os deseñadores da empresa D-Due Charo Froján e Alfredo Olmedo; e na localidade de Ribeira o estudo de interiorismo Juan Ares impartiu o curso Formación para produción de mobiliario da firma Juan Ares Design Marine.

Todas estas accións están dirixidas por profesionais do sector da moda e o deseño, apostando así pola colaboración intersectorial que abre as portas ás artesás redeiras a un mercado contemporáneo que complementa e diversifica o seu labor tradicional.

Polo desenvolvemento do proxecto Enredadas, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño foi nomeada finalista na categoría Premio Promociona para Entidades Públicas dos Premios Nacionais de Artesanía 2016. Os gañadores das diferentes categorías daranse a coñecer nun acto programado en Madrid no primeiro trimestre do vindeiro ano 2017.

A formación e a colaboración entre a artesanía e outras áreas de traballo forman parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal.

27 de decembro de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.