publicidade hoxe

Igualdade defende a necesidade de redobrar esforzos para visibilizar ás vítimas da violencia de xénero na infancia e a adolescencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, defendeu hoxe a necesidade dar visibilidade aos adolescentes, nenos e nenas que conviven nun ámbito onde existe violencia de xénero, pola “especial situación de vulnerabilidade” na que se atopan.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, presentaron a xornada “Gritando ao mundo”, proxecto de protección á infancia e á adolescencia, en colaboración coa Fundación Juan Soñador.

López Abella explicou que a maioría das mulleres vítimas desta lacra sitúanse nunha franxa de idade na que teñen fillos ao seu cargo; o que fai que en moitos casos estes nenos e nenas se convertan en ferramentas para exercer sobre as súas nais ameazas e coaccións e presentan no futuro secuelas emocionais e comportamentos violentos.

Pola súa banda, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, indicou durante a súa intervención que a violencia e o maltrato non só existen nas relacións de adultos, senón que están presentes nas relación afectivas dos máis novos. De feito, parte dos adolescentes galegos continúan expostos a factores de risco que facilitan e perpetúan relacións violentes, e seguen a reproducir roles sexistas. Por elo, “é imprescindible responsabilizar aos nosos adolescentes cara á igualdade de dereitos, educar en corresponsabilidade, igualdade e participación para fomentar a non discriminación entre homes e mulleres” afirmou a titular autonómica.

Así mesmo explicou que é fundamental que o conxunto da sociedade estea alerta na detección dos primeiros indicios de comportamentos abusivos que poidan aparecer entre os máis novos e fixo fincapé no traballo que desenvolve o seu departamento no que respecta a dotar aos profesionais que traballan con menores da formación necesaria para adquirir as habilidades básicas de atención e intervención aos nenos e nenas vítimas directas ou indirectas da violencia de xénero.

13 de decembro de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.