publicidade hoxe

González Formoso destaca a transferencia de coñecementos entre universidade e empresa como un eixo de progreso na provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na apertura do Foro I+D+I “A Coruña cidade de Innovación”, no paraninfo da reitoría da UDC. Un acto no que estivo acompañado polo alcalde do Concello da Coruña, Xulio Ferreiro, o Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín.

Durante a súa intervención, González Formoso, apelou a necesidade de seguir investindo en innovación e desenvolvemento como un aspecto esencial para o avance da sociedade: “Dende a Deputación non debemos abandonar a asignación de fondos, moi importantes, para a investigación e facilitar a transferencia de coñecemento entre o mundo da empresa e a universidade”, e subliñou que esa aposta “contribúe aos grandes descubrimentos científicos que melloran o estado de benestar”, concluíu o presidente.

A provincia da Coruña ten a capacidade para actuar como motor económico ou elemento de tracción, captación de investimento, xa que “somos a quinta provincia española en facturación, cunha achega de 37.000 millóns de euros”, destacou Formoso. Un enclave único, con grandes recursos, infraestructuras e capital humano para afrontar retos innovadores que permitan unha maior competitividade. Neste senso as empresas coruñesas “teñen no seu ADN fundacional a aposta polo I+D como a clave nuclear de modelo de negocio”, sinalou González Formoso.

O obxectivo destas xornadas era dar conta das conclusións que puideran ser útiles no futuro para a formulación de estratexias conxuntas, xeración de sinerxías e identificación das dianas de actuación preferente para o deseño de políticas públicas nestes planos. Unha finalidade que tamén foi apoiada polo Presidente da Deputación quen instou “a todas as administracións, universidades e empresas para unir esforzos para xerar sinerxias e contribuír ao tecido empresarial coruñés”, apuntou o presidente.

A provincia da Coruña conta con varios exemplos onde a clara aposta pola innovación e a fómula UDC+Empresa deron os seus froitos, repercutindo positivamente no ámbito socioeconómico da cidadanía coruñesa, como a Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia do Campus de Ferrol, onde se está a integrar na edificación naval, novos procesos de robótica industrial para a eficiencia na construcción de buques. O CITIC do Campus de Elviña é outra clara mostra desta simbiose, onde 230 investigadores colaboran con entidades para avanzar no mundo da domótica.

O PEL, o plan de emprego local para a provincia

Coa fin de xerar perspectivas de crecemento futuro e significación social en materia de emprego, produción, creación e transferencia de coñecemento, a Deputación da Coruña, ten en marcha o Plan de Emprego Local (PEL) cunha inversión de 30 millóns de euros. No que levamos de ano, o PEL facilitou emprego a máis de 519 persoas nos 82 concellos coruñeses, reforzando os lazos co sector empresarial da comarca. Tamén no marco do PEL, o organismo provincial ten aberta a convocatoria do “I Premio provincial á mellor iniciativa empresarial” dirixido as pequenas e medianas empresas, microempresas, emprendedores e autónomos con sede na provincia da Coruña, dotado con 50.000 euros: “Con este galardón queremos non só recoñecer o esforzo e o talento dos nosos emprendedores, senón axudalos a desenvolver a súa idea de negocio”, indicou González Formoso.

O presidente da Deputación expresou as súas expectativas alentadoras sobre o Foro I+D+C, do que agarda saian interesantes iniciativas empresariais e agradeceu aos emprendedores por colocar á Coruña como unha cidade referente no ámbito da innovación de toda Galicia.

2 de decembro de 2016 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.