publicidade hoxe

Francisco Conde destaca que o principal obxectivo da nova directora de Gain será que “Galicia siga incorporando a innovación ao seu ADN”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Francisco Conde na toma de posesión de Patricia Argerey como directora da GAIN. Foto: X. Crespo

Francisco Conde na toma de posesión de Patricia Argerey como directora da GAIN. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago á toma de posesión de Patricia Argerey Vilar como nova directora da Axencia Galega de Innovación (Gain). Durante a súa intervención, destacou que a nova responsable de Gain ten como principal obxectivo que “Galicia e a súa industria sigan incorporando a innovación ao seu ADN”.

Conde destacou a “vocación de servizo público” de Argerey Vilar para que Gain cumpra os grandes retos que ten sobre a mesa ata o ano 2020. Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria citou proxectos como o polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados para uso civil de Rozas; o cumprimento da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3); “estreitar o vínculo entre empresa e universidade co obxectivo de que a transferencia de coñecemento sexa cada día más útil para a economía galega”; e o desenvolvemento da Compra Pública Innovadora, onde Galicia está chamada a converterse nun “auténtico referente”; así como os novos desenvolvementos no eido da Asociación para a innovación.

A nova directora de Gain, que se mostrou agradecida pola confianza mostrada polo conselleiro, sinalou que a súa premisa é traballar polos galegos e galegas para impulsar a innovación na comunidade, dando así continuidade ao labor realizado polo seu antecesor no cargo, Manuel Varela.

Argerey Vilar, nada en Lugo no ano 1977, é doutora en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid e conta cun máster en Estudos Políticos Aplicados pola Fundación Internacional y para Iberoamérica de Administración y Políticas Públicas. Ocupaba desde xaneiro de 2013 o cargo de xefa de gabinete do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, onde chegara despois do seu labor como asesora do presidente da Xunta desde o ano 2009.

Con anterioridade foi profesora na Universidade Complutense de Madrid e secretaria xeral e coordinadora de proxectos I+D do Instituto de Estudios Europeos da Universidade CEU San Pablo, onde exerceu tamén a docencia.

9 de decembro de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.