Formoso presenta uns orzamentos cun Plan Único de 74 millóns de euros como protagonista
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu esta mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as liñas principais do Orzamento da institución provincial para o exercicio 2017.
González Formoso afirmou que a previsión de ingresos totais para o exercicio 2017 ascende a 176.515.000 euros, o que supón un incremento do 0,52% sobre as do exercicio anterior. O límite de gasto non financeiro que permite cumprir o obxectivo de estabilidade orzamentaria ascende a 154.434.229 euros, polo que as dotacións orzamentarias faranse con cargo a este límite e dotarase o Fondo de Continxencia, para atender necesidades urxentes, con 3.530.000 euros, que supón arredor do 2% do total das previsións de gasto.
Todos os investimentos e plans provinciais financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, de tal xeito que se manterá a situación de “débeda cero” do organismo provincial e o total do investimento será inmediatamente executable a partir do 1 de xaneiro.
O presidente provincial cualificou os orzamentos de “austeros, realistas, socialmente sensibles e orientados fundamentalmente á creación de emprego”, ademais de destacar o seu carácter “dinámico e adaptativo” nun escenario caracterizado pola ausencia de Orzamentos Xerais do Estado para 2017 e “polas limitacións derivadas da Lei de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, que ten por obxectivo superar os indicadores adversos de débeda e déficit que proceden doutras administracións públicas, fundamentalmente do Estado e as Comunidades Autónomas”.
Neste sentido, dirixiuse aos representantes dos distintos grupos políticos da Cámara galega para pedir, un ano máis, a participación da Deputación no Fondo Galego de Cooperación Local. “A actual regulación do Fondo Galego de Cooperación non contempla ás deputacións entre os seus destinatarios. É a miña obriga institucional manifestar que, ao meu modo de ver, estase incumprindo o mandato do artigo 142 da Constitución Española xa que, cando establece que as entidades locais participarán nos tributos do Estado e das Comunidades Autónomas, refírese a todas as entidades locais enumeradas nos artigos anteriores do propio texto constitucional, é dicir, os municipios e as provincias”, afirmou.
Plan Único: criterios obxectivos e saneamento das contas municipais
González Formoso afirmou que os presupostos da Deputación, aprobados no pleno do pasado 18 de novembro, permitirán que “a partir do 2 de xaneiro poidamos iniciar os ambiciosos obxectivos recollidos no Orzamento”, entre os que citou o Plan de Emprego Local e o Plan Único de Concellos que contribuirán a “pór a provincia en funcionamento nas competencias que nos corresponden sen demora”.
Entre as principais partidas que recollen as contas da Deputación para 2016, Formoso destacou o novo Plan Único de Concellos- POS+ 2017, que contará cun orzamento de 74 millóns de euros, o maior investimento contemplado nun plan na historia da institución provincial.
O presidente da Deputación da Coruña subliñou que o Plan Único “introduce importantes novidades con respecto aos anos anteriores”, entre as que destacou a súa capacidade de “contribuír de forma efectiva ao saneamento das economías municipais”, xa que inclúe mecanismos para axilizar o pago a provedores por parte dos concellos, o que repercutirá positivamente no emprego local, e para amortizar as débedas dos municipios coas entidades financeiras.
Ademais, o Plan Único “reforzará a autonomía dos concellos” á hora de decidir en que queren investir os fondos que lles destina a Deputación e será o primeiro plan da Deputación con “carácter dinámico”, o que lle permitirá absorber incrementos orzamentarios procedentes de superávit, se os houber, sen necesidade de tramitar unha nova convocatoria.
O presidente da Deputación da Coruña considerou que o Plan Único afonda na liña de “reparto obxectivo dos fondos” e de “simplificación na tramitación”, xa que que en lugar de tramitar tres plans (o POS, o PAS e o PAI en 2016) e 11 liñas de subvencións diferentes unifícase todo nunha única convocatoria anual, o que permitirá aos concellos planificar mellor os seus orzamentos e programar os investimentos en función das súas necesidades. A incorporación das liñas de subvencións ao Plan Único suporá ademais que se deixen de tramitar 1.000 expedientes cada ano dende os concellos coruñeses, co consecuente aforro de custes e tempo.
Plan de Emprego
O Plan de Emprego Local (PEL), dotado cunha consignación inicial de 6 millóns de euros no Orzamento de 2017, será outro dos investimentos importantes ao longo de 2017. A súa creación en 2016 supuxo multiplicar por 6 os recursos que a Deputación da Coruña viña destinando tradicionalmente á creación de emprego e permite unificar nun só programa as diferentes accións da institución provincial de apoio á creación de emprego no sector público e privado, así como o fomento das iniciativas emprendedoras.
Nos seus primeiros meses de actividade, a través da liña de apoio ás contratacións nos concellos, o PEL da Deputación permitiu a inserción laboral de 519 persoas nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes, incrementando nun 138% as contratacións acadadas cos plans de cuadrillas municipais existentes ata o momento.
Outras partidas destacables no Orzamento de 2017 serán os máis de 16,5 millóns de euros que se destinarán aos Plans de Investimento e Conservación en vías provinciais e á construción de novas travesías e sendas peonís na rede provincial de estradas.
O presidente da Deputación sinalou tamén que a Deputación da Coruña manterá as tarifas das taxas e prezos públicos en 2017 e subliñou que este ano incrementouse do 90 ao 95% a porcentaxe da entrega a conta aos concellos que teñen delegada na Deputación a recadación dos seus tributos, o que supuxo adiantar, mes a mes, aos concellos coruñeses un total de 127,5 millóns de euros da recadación dos seus impostos, mellorando de forma notable a liquidez de todos os concellos e as súas posibilidades de atender as súas obrigas económicas e reducir o período medio de pagos a provedores, polo que a medida manterase en 2017.