publicidade hoxe

FAEPAC e EnerAgen colaboran na convocatoria dun premio para as mellores iniciativas de eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), impulsada pola Deputación da Coruña, participa na convocatoria da novena edición dos Premios Nacionais de Enerxía, coordinada pola Asociación de Axencias Españolas de Xestión da Enerxía (EnerAgen).

Estes galardóns recoñecen as accións promovidas por particulares, empresas e organizacións de todo o territorio nacional durante o ano 2016, dirixidas ao fomento do uso de enerxías renovables e á utilización eficiente da enerxía.

En concreto, premiaranse os esforzos realizados para a mellora enerxética en tres categorías: enerxías renovables e/ou eficiencia enerxética, enerxías renovables e/ou eficiencia enerxética promovida por concellos ou agrupacións de concellos de menos de 20.000 habitantes no seu conxunto e sensibilización e difusión das enerxías renovables e/ou eficiencia enerxética. O gañador en cada categoría recibirá 1.500 € en metálico, ademais dun diploma acreditativo.

As candidaturas poden presentarse ata o 23 de xaneiro do 2017 en cada unha das axencias pertencentes a EnerAgen, entre as que se atopa a FAEPAC (info@faepac.org). Poden participar particulares, empresas, asociacións e organizacións tanto públicas como privadas, que destaquen a nivel nacional, autonómico ou local polo seu traballo na realización de proxectos ou actuacións no eido das enerxías renovables e da eficiencia enerxética.

As mellores candidaturas serán avaliadas por un xurado especializado composto por cinco representantes de recoñecido prestixio nos sectores da política e da tecnoloxía e dos ámbitos universitario, xornalístico e empresarial. Para a adxudicación dos premios, teranse en conta aspectos coma o impacto socioeconómico, o aforro, a innovación e a posibilidade de reproducir o proxecto noutros contextos.

21 de decembro de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.