En liberdade o detido en Lugo á espera de comprobar a súa implicación na compravenda de armas
O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, manifestou que a persoa detida en Galicia foi posta en liberdade, pero está “pendente de investigación” para “comprobar” a súa implicación na organización criminal dedicada á adquisición e venda de armas de fogo, operacións que na comunidade galega se produciron na provincia de Lugo.
A Garda Civil, no marco da ‘Operación Vulpes III’ desenvolvida en varias provincias españolas, procedeu á detención de 30 persoas, unha delas en Galicia, pertencentes a unha organización criminal dedicada á adquisición e venda de armas de fogo aos que se lles imputan os supostos delitos de tenza ilícita de armas, depósito de armas, munición e explosivos.
A preguntas dos xornalistas tras o acto conmemorativo da Constitución, Villanueva asegurou que o detido en Galicia pasou “a disposición xudicial e posta en liberdade posterior”.
“No rexistro non se lle atopou nada, pero está pendente de investigación para comprobar que esta persoa traballara con este tipo de armas e as colocara nalgún mercado na nosa comunidade”, explicou Villanueva.
Na operación interviñéronse 124 armas de lume e máis 4.100 cartuchos metálicos, entre outros efectos. Esta fase da operación conclúe coa que se iniciou en abril do presente ano cando a Garda Civil interveu 23 pistolas e 450 cartuchos e se procedeu á detención dunha persoa na provincia de Albacete, que se dedicaba a adquirir masivamente armas detonadoras en países do leste de Europa.
Esta persoa posteriormente manipulaba as armas para que puidesen efectuar lume real e disparar munición con proxectil que o mesmo fabricaba nun taller clandestino que tiña instalado no garaxe da súa vivenda. Así mesmo, as armas e a munición era vendida a través de Internet.