publicidade hoxe

Detidos tres varóns como presuntos autores de 16 roubos en vivendas na provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSucesos
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil detivo tres varóns como presuntos autores de, polo menos, 16 roubos cometidos en vivendas do sur da provincia de Pontevedra.

Segundo informou o Instituto Armado, a investigación iniciouse o pasado mes de setembro co nome de ‘Operación Tasto’ cando o Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán intensificou os labores de vixilancia e prevención de roubos en interior de vivendas nesta última localidade.

A maioría dos roubos tiñan como denominador común que se producían en primeiras vivendas aproveitando a ausencia temporal dos moradores por razóns laborais, segundo relataron as mesmas fontes. Todos os roubos se perpetraban durante o día e na súa gran parte limitábanse á subtracción de xoias e diñeiro, mentres que desbotaban os obxectos de maior tamaño.

Para acceder ao inmoble forzaban as portas ou ventás cunha ferramenta metálica tipo “pata de cabra” ou similar. A análise das circunstancias que rodeaban aos roubos das vivendas de Nigrán, cos que se iniciara o operativo, “foron determinantes para establecer as liñas de investigación sobre unha determinada persoa que, aínda que tiña fixada a súa residencia habitual no mesmo municipio, non se lle coñecía un domicilio fixo” indicaron as mesmas fontes.

Unha vez confirmadas, dende o punto de vista policial, as sospeitas que recaían sobre esta persoa, puídose descubrir o seu domicilio en Nigrán e, a continuación, día 29, sería detido en Vigo F.F.T.F., de 24 anos, cando saía de realizar un trámite procesual nos xulgados da cidade olívica. No momento da súa detención portaba unha pulseira que fora subtraída nun domicilio do Rosal.

Na vivenda desta persoa recuperáronse unha importante cantidade de efectos que o vinculan cun total de 16 roubos cometidos e denunciados en outras tantas vivendas dos municipios de Nigrán (9), Ponteareas (2), O Rosal (2), Gondomar (1), Tomiño (1) e Baiona (1).

Entre os efectos recuperados inclúense oito reloxos de distintas marcas, unha video consola con 25 xogos XBOX 360 e unha considerable cantidade de xoias, principalmente pulseiras, aneis e cadeas.

VEHÍCULO

No interior do vehículo que utilizaba habitualmente o detido para os seus desprazamentos os axentes incautáronse dunha mochila negra na que adoitaba transportar os útiles e ferramentas para cometer os roubos, que tamén foron intervidos. Inclúense tres pares de luvas, tres desaparafusadores, unha pata de cabra, unha lanterna e un spray de defensa persoal.

A continuación, a Garda Civil procedeu á detención de M.L.F., de 33 anos, veciño de Vigo, como presunto coautor e cómplice co anterior en todos os roubos.

No seu domicilio, ademais doutros efectos procedentes dos mesmos roubos, incautóuselle unha pistola detonadora e unha arma de fogo sen documentar, concretamente unha carabina do calibre 22 mm, coa súa correspondente munición, polo que se lle acusa tamén dun delito de tenza ilícita de armas.

PRIMEIRA FASE

A primeira fase desta operación concluíu coa detención doutra persoa residente en Vigo, J.E.C.V., de 39 anos, ao que se lle considera autor de delito de receptación, xa que era o encargado de xestionar a venda obxectos roubados, fundamentalmente as xoias, algunhas das cales se puideron recuperar nun cash converters de Vigo.

No seu domicilio interviñéronse tamén algunhas xoias, ademais dunha báscula electrónica de precisión, das utilizadas profesionalmente para a pesaxe do ouro.

Con estas detencións a Garda Civil considera desarticulada unha banda de delincuentes que se dedicaba ao roubo en interior de vivendas na provincia de Pontevedra, á vez que “se desactiva un potencial punto de compra venda clandestino de xoias e ouro”.

Non obstante, a investigación continúa aberta e realízanse xestións para coñecer a procedencia de todos os obxectos recuperados, que “poden levar aos investigadores ao esclarecemento doutro importante número de roubos cometidos no resto da provincia”, segundo subliñou a Benemérita.

Os detidos, todos eles cun amplo historial delituoso, foron postos o xoves a disposición do Xulgado de Instrución Número 3 de Vigo, que decretou o ingreso en prisión do primeiro deles e a liberdade provisional con cargos dos dous restantes.

2 de decembro de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.