Deteñen a un indixente polo incendio provocado baixo a ponte de Rosalía de Castro en Pontevedra
Un veciño de Pontevedra de 59 anos que habitualmente vive na rúa debaixo da ponte da rúa Rosalía de Castro foi detido como presunto autor dun incendio que na noite do xoves causou gran alarma e provocou un apagamento na zona.
O home pasou na mañá deste venres a disposición do xulgado de garda de Pontevedra que o deixou en liberdade en calidade de investigado por un delito de incendio con danos.
Os veciños alertaron do incendio baixo a ponte do río de Os Gafos en Rosalía de Castro sobre as 22,40 horas deste xoves. Ao lugar acudiron os Bombeiros de Pontevedra e efectivos das policías Local e Nacional. Unha hora despois, sobre as 23.50 horas, cando o lume xa estaba sufocado, foi detido o seu presunto autor.
Segundo confirmaron fontes da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra, o home foi detido nas inmediacións do lugar do incendio e trasladado aos calabozos, onde pasou a noite ata que a última hora da mañá deste venres pasou a disposición xudicial.
O home, tras ser detido, explicou que o lume fora un accidente, pois deixara unhas velas acesas no lugar no que adoita durmir nun dos arcos da ponte e, ao regresar, iniciouse o incendio.
Os veciños de Rosalía de Castro presenciaron incendios de similares características no pasado con este mesmo sen teito como protagonista, pero nesta ocasión destacan que tamén se produciron explosións e os danos foron maiores porque afectaron a subministración de luz e auga na zona.
Este venres a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces, referiuse á situación desta persoa ao asegurar que “leva moito tempo traballando con el”, pero reiteradamente acode a estes lugares “de onde non quere saír” aínda que se lle está ofrecendo axuda. “Para nós é moi frustrante”, concluíu.