publicidade hoxe

Deputación e Concello de Bueu destinan 11.000 euros para o sendeiro azul de Cabo Udra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, asinaron esta mañá o convenio de colaboración mediante o cal ambas entidades achegarán preto de 11.000 € para a difusión, promoción, conservación e sostemento do sendeiro azul de Cabo Udra. En concreto, a institución provincial destinará 8.800 € e o concello de Bueu 2.200 € para estas actuacións.

O obxectivo do convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu é impulsar as infraestruturas e servizos, conservar o patrimonio natural, sinalizar o sendeiro, instalar elementos interpretativos e mobiliario e realizar tarefas de mantemento da ruta de Cabo Udra.

Os sendeiros azuis son itinerarios e elementos paisaxísticos que unen praias ou portos con bandeira azul e contribúen ó uso sustentable do litoral así como ó goce da natureza e á promoción da saúde e benestar. “A provincia de Pontevedra- tal e como manifestou Carmela Silva- é a que conta con máis sendeiros azuis de España, con 11 en total, situados nos concellos de Baiona, Bueu, Cangas, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Nigrán, Ponte Caldelas e Vigo. Por iso consideramos fundamental impulsar e promover o desenvolvemento sostible destas rutas mediante unha xestión integrada que permita poñer en valor os recursos naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o patrimonio litoral da provincia”.

Investimentos da Deputación de Pontevedra en Bueu

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra destinará ó concello de Bueu, ó abeiro do Plan Concellos 2017, 803.444,37 €, é dicir, 66.467,25 € máis que no 2016 o que supón un incremento do 9,02% con respecto a este ano. Os investimentos en Bueu van medrar no 2017 máis de seis puntos con respecto ó crecemento medio do Plan Concellos, situado no 3% con respecto ó 2016.

Ó longo deste ano a Deputación de Pontevedra investiu en Bueu 1.234.520 €, o que significa unha media de 100 € por habitante. En liñas xerais, desta contía, 780.745,50 € destináronse desde o servizo de cooperación, 201.556,77 € para mobilidade, 80.628,06 € para cohesión social e xuventude, 48.914,40€ para emprego, 46.923,41 € para cultura e lingua, 39.956 € para deportes, 28.051,76 € para medio ambiente e 7.744 € para igualdade.

Bueu recibiu un total de 736.977,11€ do Plan Concellos 2016, é dicir, 136.186,26 € máis que o ano anterior, o que supuxo un crecemento do 22,7% con respecto ó 2015. A través da liña 1 deste plan destináronse 577.015,10 € para a subministración de luminarias para mellorar a eficiencia enerxética no casco urbano e no polígono industrial de Castiñeiras; para adquirir unha barredora aspiradora; para pavimentar os camiños municipais de Meáns, Morada-Meiro, Sar e Couto; para restaurar o estaleiro da Banda do Río-Carpintería de Ribeira e para ampliar a rede municipal de saneamento entre Castrelo e Pousada-Cela. Tamén a través da liña 3 de actividades achegáronse 26.000 € para a Festa do Polbo e da liña 4 133.634 € para que 30 persoas leven a cabo traballos no propio concello de Bueu.

Amais, a Deputación de Pontevedra investiu 46.923,41 € en cultura e lingua. En concreto para actividades de dinamización lingüística no concello e en entidades do mesmo, para a sinalización e rehabilitación do patrimonio histórico e memoria histórica, para cinco actividades do Ano Castelao e para preto de 60 actividades do programa Pontegal 2016.

En cohesión social e xuventude a Deputación de Pontevedra achegou 80.628,06 € ó concello de Bueu para os servizos sociais especializados e comunitarios, para as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia domiciliaria (atendendo a 13 persoas) e para os programas “En Ruta coa Depo” (no que están a participar catro asociacións do concello), “Tecendo lazos”, “Depo Termal” (no que están a participar 47 persoas), “Depo en marcha” (cunha asociación participante) e “Depo Aventura A Lanzada (no que participaron 31 nenas e nenos).

Pola súa banda, en deportes a institución provincial investiu 39.956 € para o programa de deporte federado de base (beneficiando a 7 clubs), para es escolas deportivas (5 de balonmán), para a copa de fútbol Deputación de Pontevedra (na que participaron 2 clubs) e para actividades deportivas (dous clubs). Tamén destinou 48.914,40€ para que 5 bolseiros realizasen a súa primeira experiencia profesional no concello de Bueu e nunha empresa da localidade.

A Deputación de Pontevedra achegou 7.744 € para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero así como para o programa “Conectadas” no que están a participar dúas asociacións do concello.

En canto á mobilidade, a institución provincial investiu 201.556,77 € para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais de Bueu así como para o Plan Móvese e destinou 28.051,76 € para a confraría de pescadores de San Martiño, co fin de impulsar a comercialización e o mantemento de locais e equipos informáticos.

19 de decembro de 2016 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.