Deputación de Ourense e Fundación “Carlos Casares” intensifican a colaboración cara ao ano no que o escritor protagonizará as Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Manuel Baltar na reunión coa Fundación Carlos Casares

Manuel Baltar na reunión coa Fundación Carlos Casares

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse esta mañá no Pazo Provincial cos directivos da Fundación “Carlos Casares”, Xavier Casares, presidente; Gustavo Garrido, secretario, e Håkan Casares, administrador e fillo de Carlos Casares, con que analizou as liñas de colaboración que a institución provincial manterá coa fundación en 2017, ano de especial relevancia para a figura de Carlos Casares, ao dedicarse ao autor ourensán o Día das Letras Galegas.

Neste sentido, Deputación de Ourense e Fundación “Carlos Casares” intensifican a colaboración no ano no que Casares será o protagonista literario en Galicia, e tal e como avanzara Manuel Baltar no debate sobre o Estado da Provincia, desenvolveranse en 2017 actos de lembranza da figura de Carlos Casares e a súa obra, e tamén se estudará a creación dun premio literario que leve o nome do intelectual ourensán.

Neste sentido, Baltar confirmou que o apoio da institución provincial á Fundación “Carlos Casares” incrementarase ata os 50.000 euros, nun ano de especial relevancia para a figura do escritor. Precisamente, Manuel Baltar, xa reivindicara -semanas antes de coñecerse o ditame da Real Academia Galega-, que se lle dedicase a Casares o Día das Letras Galegas, “algo polo que todos os defensores da nosa lingua e da nosa cultura debemos felicitarmos, porque un dos grandes das nosas letras terá a homenaxe que se merece”, afirma o presidente da Deputación de Ourense.

Baltar tamén salientou o traballo que desenvolve a Fundación “Carlos Casares” remarcando que a Deputación de Ourense colabora activamente con ela, “porque o labor que realiza para difundir e promover a obra de Casares engrandece aínda máis a figura deste autor ourensán, fortalecendo así a toda a nosa literatura”.

21 de decembro de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.