publicidade hoxe

Cores Tourís analizou co concello das Neves as demandas en relación á Administración autonómica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Neves
A-
A+
Cores Tourís na reunión co alcalde das Neves

Cores Tourís na reunión co alcalde das Neves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional o concello das Neves onde mantivo unha entrevista co seu alcalde, Xosé Rodríguez, quen lle transmitiu as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

Xosé Rodríguez transmitiu a Cores Tourís, o interese do concello por continuar a poñer en marcha medidas que axuden a potenciar o turismo de calidade, como é o pulo á ruta enoturística e a ruta da Lamprea. Neste senso, solicitou ao delegado territorial que dera traslado á directora xeral de Turismo da solicitude deste municipio de ser lugar de parada do tren da lamprea, “xa que contamos que interesantes e bos restaurantes dedicados especialmente a este produto”.

En canto ás infraestruturas, o alcalde tamén trasladou ao delegado territorial a necesidade da execución de dous enlaces, unha rotonda na zona de acceso ao concello dende a circunvalación, así como unha semirotonda no entronque de Setados, proxecto que xa procede da época do anterior Goberno local. “Neste último caso, o concello comprométese a aportar os terreos necesarios para executar esta obra”, explicou Rodríguez.

Outra das demandas do rexedor foi o traslado da Escola Infantil ao edificio que ocupan actualmente los tres cursos de Infantil do CEIP das Neves, así como o interese do concello pola aplicación do transporte á demanda que está a estudar a Consellería de Infraestruturas. Finalmente, José Manuel Cores Tourís comprometeuse a dar traslado á directora xeral de Xuventude o interese do alcalde desta localidade de manter unha entrevista con ela para analizar a rehabilitación da Casa da Xuventude.

19 de decembro de 2016 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.