publicidade hoxe

Cores Tourís analiza cos alcaldes de Mondariz e Dozón as demandas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDozónMondarizPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos de Mondariz e Dozón onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, os que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

En primeiro lugar, o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Bugarín, analizou con Cores Tourís a necesidade de continuar coa obra de saneamento no tramo urbana da avenida de Portugal, na zona de enlace coa estrada de Covelo, de cara a que se poidan separar pluviais de fecais. Deste xeito, buscaríase completar este servizo que xa foi abordado no resto da vía polo anterior goberno local grazas á colaboración económica da Xunta de Galicia.

Por outra banda, o rexedor tamén solicitou melloras na estrada que enlaza Mondariz con Pazos de Borbén, a PO-253, na zona de Río Frío, de cara a que a Consellería de Infraestruturas leve a cabo un proxecto de reforma que permita reducir o risco de accidentes en varías curvas así como o acondicionamento da entrada ao vial que vai á área recreativa e á praia fluvial, completando así o proxecto iniciado polo anterior equipo de Goberno municipal. “Como fixemos cando gobernaba Julio Alén, tamén lle recordamos a Xoán Carlos Bugarín que para afrontar esta obra, a Xunta ten que contar cos terreos necesarios para poder levar a cabo esa mellora”, explicou Cores Tourís.

En relación ás infraestruturas, tamén demandouse a posta en marcha de medidas correctoras, como a sinalización horizontal e vertical, na entrada que enlaza este municipio con Covelo, a PO-261, para que os vehículos cumpran coa velocidade fixada nesta vía nos tramos máis perigosos e que é de 50 km/h.

O delegado territorial, por outra banda, aproveitou a visita para anunciar ao alcalde que nos próximos días comezará a retirarse a madeira das zonas danadas no paseo do río Tea a causa das enchentes. O obxectivo é poder telo todo preparado para poder levar a cabo a rehabilitación na próxima primavera, recuperando así dúas pontes e un paso de pedra.

Dozón

Pola súa banda, o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, analizou co delegado territorial varias cuestións como a concentración parcelaria de San Salvador de Castro, que conta cunha superficie de 1.175 hectáreas e 306 propietarios afectados. Nestes intres atópanse rematados o estudo de impacto ambiental, o de viabilidade e o levantamento topográfico da zona, tal e como asegurou o delegado territorial, quen se comprometeu co alcalde en darlle un pulo a esta tramitación. Cores Tourís recordou que, ademais, no concello de Dozón levouse a cabo este ano dúas obras do Plan Marco, reparando o camiño de Lagoa a Rañestras e o de Rocha a Vilarello, “en total, case un quilómetro de traballos de limpeza de cunetas, colocación de tubaxes para a evacuación das augas pluviais e aplicación de rega asfáltica, cun investimento global de 67.000 euros.

Por outra banda, Campos tamén transmitiu a José Manuel Cores Tourís o interese do municipio polo proxecto de construción do ramal de conexión da AG-53 coa N-525 ao seu paso por este concello, xa que permitiría dar servizo non só aos veciños de Dozón, senón tamén aos de Agolada e Rodeiro, facilitando o acceso á autopista dirección Ourense. Este proxecto suporía un investimento de 800.000 euros.

13 de decembro de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.