publicidade hoxe

Constitúese a Comisión Provincial de Patrimonio para impulsar a riqueza histórica, monumental e cultural da provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu esta mañá no Pazo Provincial a reunión constitutiva da Comisión Provincial de Patrimonio, que promove a institución provincial para potenciar, difundir e preservar a riqueza histórica, monumental e cultural que posúe a provincia de Ourense.

Esta iniciativa foi unha das propostas que presentou o presidente da Deputación no pasado Debate sobre o Estado da Provincia, tendo en conta a relevancia do patrimonio cultural, histórico e arquitectónico da provincia de Ourense. “O obxectivo é reunir aos principais técnicos e representantes de institucións, vinculados co patrimonio provincial ourensán, para que avalíen, analicen e elaboren informes referidos a temas patrimoniais nos que traballe e colabore a Deputación, para achegar propostas que contribúan a seguir potenciando e poñendo en valor a riqueza monumental da nosa provincia”, explicou Manuel Baltar.

Nesta primeira reunión, que terá continuidade cunha periodicidade de tres meses, participaron xunto a Manuel Baltar os profesores Antonio Colmenero e Jorge López Quiroga; o presidente da asociación cultural “O sorriso de Daniel”, Antonio Dieter Moure; o arqueólogo José María Eguileta; a decana de Historia do Campus de Ourense, Susana Reboreda; o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez, e o dinamizador cultural, Antonio Piñeiro.

O presidente do goberno provincial citou como exemplos que poden estar sobre a mesa deste grupo de expertos os proxectos arqueolóxicos do campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande; a cooperación entre Deputación de Ourense e Bispado para levar a cabo obras de mellora e rehabilitación do patrimonio histórico-relixioso, e tamén propoñer diante doutras administracións –autonómica, estatal ou europea- iniciativas que permitan preservar o patrimonio cultural ourensán.

“Trátase de facer partícipes neste ámbito do patrimonio a persoas cun recoñecido prestixio profesional técnico e de xestión para favorecer un foro de debate e opinións acerca do que e como se deben abordar as accións referidas ao patrimonio na nosa provincia”, destacou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación avanzou tamén que o goberno provincial está a traballar co medievalista Jorge López Quiroga –coordinador do Congreso sobre San Martiño de Tours, celebrado recentemente en Ourense- para inaugurar en novembro de 2017 unha grande exposición titulada “Tempore Suevorum”, sobre ese momento histórico no que Ourense tivo un grande protagonismo: a época dos Suevos na Gallaecia. “Será a primeira mostra sobre o primeiro reino medieval de occidente, creado no ano 414”, afirmou Baltar, quen lembrou, asemade, que no Debate sobre o Estado da Provincia anunciou que en 2017 a Deputación de Ourense encargará a realización dun Plan das Industrias Culturais e Creativas. “En Ourense xa desenvolvemos con notable éxito a “Ourense ICC Week”, pero consideramos necesario dispoñer dun plan que nos permita unificar aínda máis o binomio cultura-turismo para que sexa un verdadeiro motor que contribúa á mellora social e económica da provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar.

29 de decembro de 2016 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.