Concello e Deputación de Pontevedra anuncian un novo convenio en 2017 para executar un novo vial perimetral a Montecelo
A Deputación e o Concello asinarán en 2017 un novo convenio para executar o vial de nova creación que dará continuidade á chamada Rolda Leste e transcorrerá pola parte traseira de Montecelo. Así o asegurou hoxe o vicepresidente provincial, César Mosquera, quen manifestou que esta estrada perimetral estaba xa prevista dende o ano 2004 e agora, coa ampliación do centro hospitalario, é fundamental para facilitar o acceso á cidadanía. “É unha infraestrutura supramunicipal e hai compromiso de colaboración provincial. O Concello comprometeuse a realizar este vial, pero de facelo sen a axuda da Deputación, só pola vía urbanística, podería levar 12 anos. Coa colaboración da Deputación será moito máis sinxelo”, subliñou.
Ademais deste novo acordo, o vicepresidente explicou que de cara a 2017 a Deputación tamén pretende colaborar co Concello de Pontevedra na apertura dun novo acceso dende os terreos de Tafisa á UNED en Monte Porreiro. Subliñou que esta actuación xa está moi avanzada, en fase de axuste, e pretende resolver as deficiencias de conexión actuais, con vías sen apenas capacidade para o tránsito de vehículos da zona. “Aplicaremos os criterios de calmado do tráfico, de espazos peonís… Non se trata dunha grande obra para as medras, senón dunha actuación que soluciona problemas, e se ata o de agora non asinamos o convenio para executala foi porque non queremos que pasen cousas como a da Rolda Leste, con problemas no proxecto e de tramitación. Queremos deixar todo atado”, subliñou Mosquera.
Todos estes anuncios fixéronse públicos hoxe durante a sinatura da addenda ao convenio para levar acabo o acceso a Príncipe Felipe-Montecelo dende a PO-542 (coñecida como Rolda Leste), que prorrogará ata finais de 2017 o acordo asinado hai catro anos. Segundo lembrou Mosquera, o obxectivo da sinatura é “manter vivo” o pacto para non ter que iniciar de novo toda a tramitación. En calquera caso, prevese que as características finais do proxecto e as aportacións económicas de cada institución (que alcanzarán os 4 millóns de euros) se concreten nun documento definitivo no primeiro trimestre do ano.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que a Rolda Leste é unha infraestrutura fundamental para a cidade. “O proxecto anterior non se levou como se tiña que levar. Agora será un proxecto de calidade, tal e como os estamos a facer na Deputación dende que entrou o novo goberno, co procedemento correcto e cumprindo todas as obrigas legais”, salientou.
Así mesmo, Silva parabenizouse pola cordialidade e boa relación existente co alcalde de Pontevedra. “Xa levamos asinados un bo número de convenios. Demostramos que as administracións somos capaces de traballar xuntas… Contei sempre coa túa complicidade!” , asegurou, dirixíndose ao rexedor Fernández Lores.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra congratulouse tamén do bo entendemento e compromiso entre os gobernos de ambas institucións e destacou que os proxectos postos en marcha por Concello e Deputación “son realidades”. En canto á addenda ao convenio da Rolda Leste, Lores manifestou a súa esperanza por que se cumpran os prazos e que se adxudique novamente a obra canto antes, porque coa ampliación do centro hospitalario “aínda é máis necesaria unha conexión viaria clara e rápida dende o sur da cidade”.
Así mesmo, o rexedor subliñou que a nova vía perimetral que Deputación e Concello construirán conxuntamente por detrás de Montecelo debería estar executada neste mandato porque dará servizo aos máis de 250.000 veciñas e veciños que acoden ao hospital.