“Cata a Arte” recada máis de 1.000 euros en donativos para Down Ourense
A terceira edición do ciclo “Cata a Arte” promovido pola D.O. do Ribeiro en colaboración co Centro Cultural “Marcos Valcárcel” recadou, a través dos donativos de todos os participantes, 1.018,17 euros para a Asociación Down Ourense. A entrega dos donativos a Down tivo lugar esta mañá no Centro Cultural, acto no que participou a deputada provincial, Montserrat Lama; o director do Centro Cultural, Francisco González; a presidenta de Down Ourense, María del Mar Prieto; e a xerente e o presidente do CRDO Ribeiro, Cristina Alcalá e Felicísimo Pereira, respectivamente.
Francisco González destacou a importancia desta iniciativa que “vencella a actividade cultural coa vida socioeconómica da provincia, a través dun sector tan estratéxico para a Ourense como é o viño”. Así mesmo, o director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” dixo que cada ano “ponse en evidencia nestes ciclos, a calidade artística que hai en Ourense e a aposta que fan por ela as institucións”, e agradeceu a colaboración dos membros da Asociación no desenvolvemento das catas.
Pola súa parte, a presidenta da Asociación Down Ourense agradeceu a achega económica froito dos donativos recadados nesta iniciativa e asegurou que “para unha asociación sen ánimo de lucro como é a nosa, toda contribución que se faga é importante, e o diñeiro irá destinado aos fondos propios da asociación”.
Cristina Alcalá sinalou que esta actividade incluíu este ano, por primeira vez, “esta acción solidaria, a cal esperamos manter no tempo para continuar a colaborar coas asociacións da nosa provincia”.
Nesta terceira edición déronse cita cada xoves no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” degustacións de viños de seis adegas do C.R.D.O. Ribeiro que foron Alanis, Alter, Quinta do Rebolo, Pazo Casanova, Cunqueiro e Bodegas Nairoa, as cales estiveron acompañadas por diferentes actuacións culturais, conxugando arte, cultura, viño e solidariedade nun mesmo espazo.