Balseiro reafirma a aposta da Xunta polas políticas sociais na súa visita ao centro de día para enfermos de Alzheimer de AFALU

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+
José Manuel Balseiro na visita ao centro

José Manuel Balseiro na visita ao centro

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o Centro de día de Alzheimer que xestiona a Asociación de Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU). Balseiro tivo ocasión de coñecer o traballo que realizan da man da presidenta da asociación, Carmen Pena, e o director do centro, Valentín Calvín.

O delegado confirmou a aposta da Xunta de Galicia polas políticas sociais e valorou “a función que ven desenvolvendo AFALU neste centro no ámbito asistencial dende que se fixo cargo da súa xestión no 2010, atendendo ás persoas que sofren alzheimer e outras demencias neurodexenerativas”.

Pero ademais, subliñou, “AFALU é a voz destes doentes e das súas familias, e por iso traballamos ao seu carón implementando medidas a favor dos enfermos de alzheimer, por exemplo no tocante á atención médica, ou desenvolvendo accións de concienciación social”.

“Dentro das políticas sociais da Xunta -explicou Balseiro-, xoga un papel relevante o apoio a estas asociacións que realizan un imporante labor asistencial, pero tamén de información e concienciación entre a poboación”. Neste caso, afirmou, “está comprobado que a información é fundamental porque é imprescindible incidir no diagnóstico temperá da enfermidade para poder tratala a tempo”.

A Consellería de Política Social destinou este ano máis de 602.000 euros ao mantemento de tres centros da provincia que suman 80 prazas e forman parte da rede galega da Xunta de centros de día de atención social para persoas con alzhéimer.

A metade das prazas corresponden ao centro que xestiona AFALU na capital, 30 pertencen ao centro de Celeiro e 10 máis ao de Monforte. Balseiro sinalou que actualmente hai catro vacantes no centro da capital e dúas en Monforte.

A Consellería de Política Social desenvolve unha estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia. A concienciación social en relación coa adopción de hábitos de vida saudables, o aumento da esperanza de vida libre de dependencia e a mellora da calidade de vida das persoas que se atopan xa nunha situación de dependencia son os obxectivos da estratexia, e o que marca a folla de ruta das políticas de prevención e promoción da autonomía persoal nos próximos anos.

AFALU creouse no ano 2002 e xestiona o Centro de día desde marzo do 2010. Os obxetivos das Asociacións de familiares de Alzhéimer son informar, formar e axudar aos afectados e afectadas polo Alzheimer a través da promoción de actuacións e programas destinados a mellorar a situación das familias e ofrecer atención aos enfermos.Tamén se levan a cabo actividades de sensibilización social e exercen a función de voceiros do conxunto de familiares na defensa dos seus dereitos.

20 de decembro de 2016 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.