As estradas provinciais pontevedresas inician o inverno cunha reserva de 100 toneladas de sal para facer fronte á neve
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe –coa entrada do inverno– que as estradas da Deputación están perfectamente preparadas para afrontar a aparición da neve: as brigadas de mantemento dispoñen de 100 toneladas de sal que repartirán pola rede viaria da provincia no caso de que baixen as temperaturas. “Queremos estar preparados para ter as estradas en condicións e garantir a seguranza viaria e o tránsito de vehículos polas inclemencias do tempo, tanto polas xeadas como pola neve”, asegurou.
Segundo indicou Benítez, a provisión de sal para afrontar este inverno calculouse en función da temporada anterior, cando se consumiron outras 100 toneladas, pero prevese que este ano siga a ser atípico e manteña as altas temperaturas rexistradas ata o de agora, polo que a cantidade reservada probablemente sobrará. En calquera caso, o responsable de Mobilidade indicou que no caso de que a provincia sufra un inverno duro se realizará unha compra de máis toneladas de salmoira por trámite de urxencia para cubrir as necesidades.
“O gasto en sal para as estradas provinciais foi moi variable nos últimos exercicios, pero coas previsións existentes neste ano estamos máis que cubertos. Este está a ser un dos anos máis tranquilos e, de feito, ten habido bastantes máis problemas pola chuvia que polo frío, que só estivo presente nos primeiros meses do 2016”, subliñou. Neste sentido, o deputado fixo referencia ao histórico de consumo de sal nos últimos invernos: durante 2013 chegaron a consumirse preto de 400 toneladas de sal (que supuxeron un gasto para a Deputación de máis de 32.000 euros); en 2014 o consumo foi de apenas 49 toneladas; en 2015 gastáronse 217 toneladas e nos últimos meses de 2015 e primeiros deste 2016, como xa se dixo, 100 toneladas (cun gasto de 8.000 euros).
A intención final coa reserva de neve é que toda a rede de estradas provinciais sexa transitable e que se garanta a mobilidade, sobre todo para os veciños e as veciñas das comarcas do interior. De feito, as 100 toneladas de sal repartiranse principalmente entre os parques provinciais de maquinaria que hai en Lalín, Codeseda (A Estrada) e Ponteareas, que estarán en alerta.
As estradas provinciais destas áreas, xunto coa vía que dá acceso ao CUVI en Vigo (EP-2005 entre Meixoeiro-CUVI), son as que habitualmente máis necesitan da actuación das brigadas para a retirada de neve e a repartición de sal para evitar as xeadas no inverno.