Artesanía de Galicia colabora coa EASD Mestre Mateo na incorporación de novos talentos ao sector artesanal
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, acompañada pola xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía de do Deseño, Elena Fabeiro, visitaron hoxe o curso “Elaboración de flores para complementos de moda” que a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organizou para os alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, promove desde o pasado ano a formación en materia de artesanía dos alumnos deste centro compostelán, coa fin de favorecer a entrada de mozos no sector da artesanía galega a través da formación en distintas técnicas artesanais.
No curso, que se iniciou onte, participan 17 alumnos e unha docente da escola, e está impartido pola artesá pontevedresa Viviana Araujo, finalista na anterior edición dos Premios Artesanía de Galicia.
Os asistentes coñecen da man desta experta artesá diferentes montaxes de flores e follas, dende a elaboración dos patróns, o moldeado das teas, a preparación de sementes, a colocación dos arames e o tinguido dos pétalos.
A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre profesionais da artesanía e centros de formación forma parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento do sector artesanal galego, asegurar a supervivencia dos oficios artesanais e enriquecer o abano de profesionais do sector con propostas de futuro.