Apertura da nova estrada e a ponte sobre o río Deva en A Cañiza
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou que a Deputación de Pontevedra abrirá mañá oficialmente a variante da estrada provincial EP-5002 e a nova ponte sobre o río Deva en A Cañiza. No acto estará a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o propio responsable de infraestruturas viarias da institución provincial, ademais de representantes da Corporación municipal.
Estas obras, financiadas pola Deputación na súa integridade, tiveron un orzamento de preto de medio millón de euros e supuxeron a construción dunha variante que eliminará o tráfico pesado da vella ponte sobre o Deva. Coa nova infraestrutura poderase preservar o antigo elemento patrimonial sobre o río, que xa presentaba deficiencias en materia de seguridade para o paso de vehículos rodados. A partir de agora, de feito, a circulación quedará restrinxida aos residentes.
Ademais do novo viaduto (que ten unha lonxitude de 25 metros e 6 metros de altura sobre o caudal do río), a actuación complétase cunha nova estrada de máis de 660 metros de lonxitude que sirve de variante á vella vía e que facilitará o tránsito cara a estrada da Franqueira, coa que se une a través dunha nova glorieta de 10,5 metros de radio.
Retrasos pola falta de autorizacións
As obras da nova estrada e da ponte foron adxudicadas en febreiro de 2015 á empresa Atlántica de Construcción e Medio Ambiente. En agosto de 2015, logo de que o novo departamento de Mobilidade detectase varios problemas debidos a que non existía informe de Patrimonio da Xunta de Galiza, a Confederación Hidrográfica –organismo competente e con decisións vinculantes- paralizou a totalidade da actuación de forma cautelar. O motivo estaba en que o anterior goberno provincial iniciara as obras sen contar coa súa autorización. De feito, desoíra os requerimentos que obrigaban a buscar unha nova solución construtiva para o viaduto.
En decembro de 2015, logo dunha nova solicitude de autorización da nova Deputación, chegou o visto bo condicionado a cambiar o deseño existente para ponte. Redactouse e contratouse entón unha modificación do deseño do viaduto –que pasou a ter un só vano en lugar de tres- que foi aceptada pola Confederación. A finais de maio retomáronse as obras.
Os traballos remataron en outubro cumprindo o prazo de execución establecido no prego do contrato. Logo de realizar a acta de comprobación, os técnicos provinciais esixiron á empresa adxudicataria a corrección dalgúns elementos da obra. Solucionados todos os problemas, a variante e a ponte abriranse mañá ao tráfico.