Ana Pontón insta ao PSdeG e a En Marea a parar a “moción de censura encuberta” no Concello de Pontevedra
A voceiro nacional do BNG, Ana Pontón, instou ás direccións do PSdeG e de En Marea a “parar e desautorizar” a “moción de censura encuberta” levada cabo polos seus grupos municipais xunto ao Partido Popular e Cidadáns no Concello de Pontevedra.
Así pronunciouse a líder do Bloque nunha rolda de prensa ofrecida este xoves despois de que o rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, denunciase unha “moción de censura encuberta” nas emendas presentadas ao presuposto municipal por parte dos catro grupos que conforman a oposición -PP, PSOE, Marea de Pontevedra e Ciudadanos-.
“Que non pase nin un minuto máis sen que o PSOE e En Marea nos aclaren se están a favor deste destrutivo pacto de goberno co PP ou se van poñer un pouco de sentido común nos seus grupos municipais”, manifestou Ana Pontón, que asegurou que a de Pontevedra se trata “dunha situación inédita” sen precedentes”.
Neste punto, tras asegurar descoñecer se a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, ou o voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, “teñen algunha autoridade” para intentar frear este despropósito” pediulles que “poñan todos os seus esforzos para parar esta moción de censura encuberta”.
Así mesmo, pediu o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, que “non garde un silencio cómplice” con esta situación. “Paréceme moi sorprendente que os que se presentaron cun programa que se resumía en todos contra o PP, agora cambien o slogan e poñan en marcha un programa de todos contra o BNG”, sinalou.
PRESUPOSTO ALTERNATIVO
E é que, conforme indicou, non se trata de que a oposición “tombase un proxecto de presupostos”, senón de que “nunha semana pactou un presuposto alternativo”. “O lóxico é que, se a oposición ten un proxecto de cidade e foi capaz de pactar nunha semana os presupostos, presente unha moción de censura e asuma a responsabilidade de desenvolver ese presuposto”, apuntou.
Neste sentido, cualificou de “curioso” que PSOE e En Marea, “forzas políticas que non foron capaces de pactar en cidades nas que tiveron acordos”, como en Ferrol”, cando “están na oposición, nunha semana, póñanse de acordo para conformar un presuposto alternativo”.
“Polo tanto, nestes momentos teñen dúas opcións, ou rectifican ou ben dan un paso adiante e presentan unha moción de censura no Concello de Pontevedra”, manifestou, para indicar que “calquera persoa sabe que os presupostos son a folla de ruta dun goberno no que se plasma o proxecto da cidade”.
APOIO AO GOBERNO MUNICIPAL
Na súa intervención, Ana Pontón tamén aproveitou para trasladar o seu apoio ao equipo do goberno municipal de Pontevedra, con Miguel Anxo Fernández Lores á fronte, que conseguiu “un modelo de cidade sostible e pensado para as persoas”.
“Resulta decepcionante ver como o PSOE e En Marea se poñen a bailar ao son que marca o PP, intentando destruír os logros e a transformación que se produciu na cidade de Pontevedra”, subliñou Pontón, que se mostrou convencida de que esta “decepción” é compartida polos votantes socialistas e de En Marea. “Están a malversar a confianza que lles deron os veciños de Pontevedra”, apuntou.
Ademais, censurou que a oposición “intente enganar os cidadáns” ao asegurar que “non houbo diálogo co goberno de Lores” para sacar adiante uns presupostos consensuados.
FOTOGRAFÍAS
Por outra parte, preguntada pola publicación dunhas fotografías dun asesor do goberno municipal pontevedrés nun hotel en Beijing, Ana Pontón deixou claro que as únicas fotografías que preocupan á súa formación son as de Feijóo “co narcotraficante Marcial dourado” ou nas que o presidente da Xunta está na Praza de Touros de Pontevedra cun investigado por corrupción por malversación de fondos públicos.