Adxudícase o contrato de “Tecendo Lazos” para o envellecemento activo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu hoxe no Pazo Provincial a Xunta de Goberno na que se aprobou a adxudicación do contrato para a organización, desenvolvemento e execución do programa “Tecendo Lazos”. A empresa que se encarga do seu desenvolvemento será Forox Innovación S.L.
“Tecendo lazos” ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo, mellorando a actividade física, cognitiva e social das persoas maiores e, entre as máis novas, as súas habilidades sociais e empatía de cara ao resto das xeracións.
O programa tamén ofrece un espazo de encontro e intercambio de experiencias que potencien movementos de participación e cooperación social a través de talleres englobados nas áreas “Riscos en familia”, “Coas mans nos pucheiros”, “Álbum familiar”, “Brincadeiras de sempre” e “O Noso son”.
“Tecendo lazos” está dirixido a residentes dos concellos de menos de 20.000 habitantes e prolongarase ata o 15 de xaneiro.