Adxudicadas por 1.760.000 euros a OHL as obras da futura residencia universitaria no centro Calvo Sotelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de adxudicar, por 1.760.957 euros, á empresa Obrascón Huarte Lain (OHL) as obras da futura residencia universitaria no centro Calvo Sotelo. Mañá terá lugar a sinatura do contrato na sede da institución provincial. O prazo de execución dos traballos de adaptación do inmoble é de nove meses e prevese que podan comezar a finais de xaneiro de 2017.

A empresa adxudicataria encargarase do acondicionamento do espazo de 2.212 metros cadrados da que será a primeira residencia universitaria pública da cidade. Co financiamento destas obras, a Deputación pretende dar resposta á demanda dun crecente número de estudantes que cursan estudos na Universidade da Coruña (UDC).

A través dun convenio coa UDC, a institución provincial cederá o espazo no centro Calvo Sotelo, situado na rúa Archer Milton, no barrio de Labañou, por un período de 10 anos, financiará os traballos e encargarase da dirección técnica dos mesmos. Pola súa banda, a Universidade asumirá os gastos de funcionamento e mantemento dos espazos cedidos e velará pola súa conservación.

Acondicionamento de 88 habitacións dobres

As obras repartiranse en dúas fases, dotadas con 680.496 e 1.080.461 euros, respectivamente, durante as cales se reformarán as 60 habitacións dobres situadas na primeira e segunda planta, e habilitaranse un mínimo de 28 máis. Estas 88 dependencias terán unha superficie aproximada de 20 metros cadrados, contando con armarios empotrados e baño propio con dous lavabos, ducha e retrete. Deste modo, demoleranse os baños comunitarios actuais e transformarase este espazo en zonas comúns de convivencia, ocio e traballo.

As actuacións financiadas pola Deputación tamén incluirán a reforma integral das instalacións de calefacción, iluminación, ventilación, fontanería e saneamento. Para mellorar a eficiencia enerxética, renovarase a caldeira e instalarase un panel solar de 2 metros cadrados.

Así mesmo, acometeranse melloras na accesibilidade do edificio coa incorporación dunha rampla de acceso e a adaptación do ascensor, garantindo a circulación das persoas con mobilidade reducida. Ademais, o proxecto contempla a creación dun novo acceso ao edificio desde a praza situada ao este, fronte ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT).

Tamén se construirá unha nova escaleira de evacuación lateral e disporanse os equipos e instalacións adecuados para facer posible o control e a extinción de incendios, así coma a transmisión da alarma aos ocupantes, para que poidan abandonar ou alcanzar un lugar seguro dentro do edificio en condicións de seguridade. Entre estas medidas, atópanse a instalación dunha rede de detectores de incendio de tipo óptico, bocas de incendio e novos extintores.

29 de decembro de 2016 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.