publicidade hoxe

Abastecemento e saneamento para Valdeorras e os concellos de Punxín, Cenlle e San Amaro, na comisión de Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleO Barco de ValdeorrasOurensePunxínSan Amaro
A-
A+

A comisión informativa da Deputación de Ourense de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordará mañá xoves, 22 de decembro, os convenios de colaboración en materia de medio ambiente co Consorcio de Augas de Valdeorras para a prestación de asistencia para a xestión: do servizo de abastecemento de auga potable no Barco de Valdeorras, do servizo de rede de sumidoiros do Barco de Valdeorras, e do servizo intermunicipal de depuración de augas residuais na Comarca de Valdeorras.

Asemade na xuntanza abordarase o convenio de cooperación cos concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro, para a prestación de asistencia para a xestión das instalacións de abastecemento en alta “Razamonde-San Trocado”.

Pola súa parte, a comisión de Cultura, Deportes e Mocidade tratará o tema da ratificación da aprobación dos novos estatutos do Consorcio do Centro Asociado da UNED. O Consorcio ten por obxecto o sostemento económico do Centro Asociado á UNED de Ourense, co fin de servir de apoio ao ensino superior e colaborar co desenvolvemento cultural da contorna.

O Consorcio está constituído pola Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, a Universidade Nacional de Educación a Distancia, pudendo incorporarse a el no futuro outras entidades. A duración do Consorcio será por tempo indefinido.

Na xornada de hoxe será a quenda para a comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a aprobación inicial do orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra incendios e de salvamento para o exercicio 2017 por importe de 3.806.000 euros, dito orzamento intégrase no orzamento xeral da Deputación de Ourense do vindeiro ano. Así mesmo, someterase a exposición pública polo prazo de 15 días hábiles, mediante anuncio no BOP. Mentres que, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratarase a expropiación forzosa para a execución da obra “Explanación e afirmado de cuñas na OU-0214”, no municipio de Ramirás.

21 de decembro de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.