publicidade hoxe

A Xunta promove con Vero Boquete o fomento da igualdade entre mulleres e homes no mundo do deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaDeportesDeportes PortadaLugo
A-
A+
Susana López Abella nunha das charlas divulgativas de Vero Boquete

Susana López Abella nunha das charlas divulgativas de Vero Boquete

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participarou hoxe na charla informativa que a futbolista galega Vero Boquete ofreceu no Instituto de Ensinanza Secundaria Ánxel Fole co obxectivo de promover valores de igualdade entre mulleres e homes no mundo do deporte. Posteriormente, a secretaria xeral da Igualdade, acompañada da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, trasladaronse a Chantada onde participaron na charla de Verónica Boquete que tivo lugar no IES Lama das Quendas

López Abella destacou que as charlas de hoxe forman parte das accións contidas no protocolo de actuación coa Escola ‘Vero Boquete’ asinado este verán para a realización de actividades dirixidas ao fomento da igualdade no ámbito deportivo. Segundo recolle o protocolo, ambas entidades colaborarán na realización de actividades como charlas divulgativas e informativas da deportista en centros educativos de Galicia; a participación institucional en xornadas, mesas redondas ou campamentos de verán coa fin de apoiar a práctica do deporte en igualdade; e actividades de visibilidade, recoñecemento, participación e representación das mulleres nas actividades deportivas. A colaboración materializarase a través da Asociación Deportiva Hermes, que é a encargada da organización, xestión e desenvolvemento de todas as actividades relacionadas coa Escola ‘Vero Boquete’, e ten entre os seus fins o fomento de actividades deportivas, de tempo libre e a educación non formal.

Pola súa banda, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, agradeceu á Secretaría Xeral da Igualdade e á Escola Vero Boquete a sinatura “dun convenio tan importante como este protocolo que defende un dos valores que máis promovemos na Xunta de Galicia: a igualdade”. Nas súas verbas, a secretaria xeral cominou aos presentes a “loitar contra os condicionantes sociais e culturais, os prexuízos e os estereotipos que abundan na sociedade”. Para iso, dixo, “non existe mellor maneira de formar grandes persoas que traballando con nenos e utilizando unha ferramenta tan poderosa como é o deporte” e apostou por un deporte “transmisor de valores e vía de formación, igualador, que exporta unha imaxe positiva das mulleres, que enriquece á sociedade e motor de cambio social”. “Ese é o deporte que queremos en Galicia”, sentenciou.

Do mesmo xeito, Marta Míguez valorou que un “gran persoeiro” da nosa sociedade como Verónica Boquete apadriñe esta iniciativa porque “as súas verbas serán escoitadas con atención por todos os nenos e nenas que queren parecerse a ela e soñan tamén con poder levantar o trofeo da Liga de Campións de Fútbol”. “Fomentar a participación de mulleres na actividade deportiva, garantir o principio de igualdade, concienciar e sensibilizar fronte á violencia de xénero, promover o emprego dunha linguaxe non sexista e formar aos nosos deportistas con perspectiva de xénero e igualdade son tarefas que debemos de emprender todos conxuntamente”, apuntou.

O protocolo está enmarcado na necesidade de afrontar as diferenzas existentes na participación e representación feminina nas actividades deportivas que tradicionalmente están asociadas a un rol masculino. O deporte é unha actividade física cun gran potencial no ámbito educativo e mediático, polo que constitúe un motor de cambio social. Por isto resulta fundamental aproveitar e orientar a influencia do deporte, cara á consecución da igualdade na sociedade en xeral, como no mundo deportivo.

Verónica Boquete é unha deportista galega de alto nivel, xogadora de fútbol, un deporte moi popular e, sen dúbida, mellor valorado cando é practicado por homes, polo que pode constituír un importante referente para que nenos e nenas sexan conscientes de que aínda existen condicionantes sociais e culturais que poden limitar a elección das especialidades deportivas que se queren practicar, por que é importante ser críticos/as e non permitir que eses prexuízos e estereotipos condicionen a súa elección. Actualmente Vero Boquete ostenta o cargo de embaixadora UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino.

21 de decembro de 2016 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.