publicidade hoxe

A Xunta felicitará o Nadal cunha postal obra do alumnado do CEE de Panxón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; visitaron hoxe o Centro de Educación Especial de Panxón, cuxos alumnos elaboraron diferentes propostas de postais de Nadal das que se escollerá unha como felicitación oficial da Xunta neste ano 2016. Deste xeito, a creatividade e o esforzo e superación das nenas e nenos deste centro educativo chegarán a todas as persoas e institucións que reciben a felicitación do Goberno autonómico.

Román Rodríguez felicitou ao alumnado polo seu traballo e animounos a seguir explorando novas facetas e competencias, como fixeron desta vez coa artística. Así mesmo, agradeceu a dedicación do profesorado, que en especial nos centros de educación especial vai máis aló do exercicio docente, demostrando unha clara vocación cara á formación e superación do alumnado con necesidades específicas.

Con iniciativas como a de felicitar o Nadal cunha postal do CEE de Panxón a Consellería afonda nunha das súas liñas prioritarias de actuación, a atención á diversidade e o fomento da inclusividade. Neste sentido cómpre lembrar que Galicia é, segundo os últimos informes, a Comunidade Autónoma cun sistema educativo máis integrados ademais de contar– tal e como confirmou PISA- co ensino máis equitativo.

Posteriormente, o conselleiro tamén se achegou ao CPI de Panxón, onde saudou ao equipo docente deste centro escolar

16 de decembro de 2016 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.