A Xunta executou obras de mellora nas escolas infantís municipais da provincia da Coruña por máis de 687.000 euros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello da Baña, onde foi recibido polo seu alcalde, José Antonio García Cardeso. Tras manter un encontro na Casa Consistorial, ambos os dous se desprazaron ao Punto de Atención á Infancia (PAI) de San Mamede, para comprobar xuntos as obras de mellora que se levaron a cabo neste centro.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, ven de dedicar 34.626 euros a traballos de mellora e acondicionamento desta infraestrutura, habilitada no ano 2013. E a segunda inversión máis importante neste capítulo na provincia da Coruña, dentro do plan de axudas para o investimento en escolas infantís dependentes das corporacións locais. Nesta provincia subvencionáronse 30 escolas infantís e puntos de atención á infancia. A concesión de estas axudas económicas, destinadas a centros con rapaces de 0 a 3 anos, está dotada de 1,5 millóns de euros, dos que algo máis de 687.000 corresponde á provincia da Coruña.
Con estas axudas facilitouse a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estaban unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Igualmente mellorarase a calidade da atención recibida nos que xa veñen funcionando. Esta convocatoria enmárcase no programa operativo FEDER Galicia para o período 2014-2020 a través dunha convocatoria pública de subvencións. A actuación é complementaria das accións de investimento para mellora das escolas infantís da rede Galiña Azul.
Ademais do da Baña, estas axudas serviron para facer investimentos nos concellos de Vimianzo, Santiago, Oroso, Ames, Santa Comba, Val do Dubra, Ordes, Cerceda, Boqueixón, Cabana de Bergantiños, Miño, Cabanas, Tordoia, Sada, Arteixo, Abegondo, Corcubión, Betanzos, San Sadurniño, Bergondo, Narón, Brión, Outes, Cee, As Pontes, Trazo, Boimorto, Melide e Valdoviño. As nove primeiras superaron os 30.000 euros cada unha.
Ovidio Rodeiro compartiu uns instantes cos rapaces e cos educadores, e coñeceu da man do alcalde o resultado dos investimentos feitos pola Consellería de Política Social no centro de San Mamede.