A Xunta destaca que a Estratexia de autónomos converterá a Galicia nunha comunidade favorable para emprender
Os Orzamentos 2017 da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúen un incremento dun 60% dos apoios a autónomos, ata chegar aos 33,2 millóns de euros, así como o aumento dun 44%, ata os 58,5 millóns de euros, dos recursos para o financiamento de autónomos, pemes e microempresas co obxectivo de consolidar en Galicia a recuperación económica. Así o destacou hoxe na Coruña a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, na súa intervención no I Foro de Emprendedores e Autónomos.
Toca sinalou que o Goberno galego porá en marcha o próximo ano a Estratexia de Autónomos para converter a Galicia “no lugar máis favorable para ser emprendedor”. Para iso, ademais de aumentar os recursos, aos apoios existentes sumaranse catro novas medidas.
En primeiro lugar, a secretaria xeral de Emprego explicou que se porá en marcha o Bono Autónomo de ata 2.000 euros para que aqueles con menores ingresos poidan desenvolver mellor a súa competitividade e formación.
Así mesmo, sinalou que un ano máis ampliarase a tarifa plana para que os autónomos que máis o necesiten só paguen 50 euros da cota da Seguridade Social durante 2 anos. A terceira das medidas novidosas refírese ao incremento en 16 semanas adicionais a bonificación para conciliar, que se abrirá tamén aos país. E en carto lugar, e, tal e como indicou Toca, estenderase a todos os autónomos o programa de remuda xeracional que xa existe no comercio para facilitar a transmisión de empresas.
A responsable de Emprego puxo en valor, ademais, que de cara ao próximo exercicio as axudas á promoción do emprego autónomo non terán requisitos de investimento, ao tempo que se duplicarán os recursos para apoiar a contratación de ata 3 traballadores por parte de autónomos.
Toca, ademais, asegurou que ademais destas axudas, a Xunta está a ofrecer aos autónomos o asesoramento e o financiamento dos programas como o Galicia Inviste, Unidade Galicia Emprende, a Rede de Bussiness Angels, os préstamos Jeremie, a Rede Galega de Aceleradoras ou asesoramento en materia de seguridade e riscos laborais.
Lembrou tamén que a Xunta aprobou recentemente o Decreto de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos que, no marco da Lei do Emprendemento, ofrece mecanismos para facer máis doada a decisión de poñer en marcha un proxecto empresarial.
Este regulamento crea as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que facilitan aos emprendedores as tramitacións a levar a cabo ante a administración, achegándolles seguridade e garantías na posta en marcha dos seus proxectos. Así mesmo, referiuse tamén á Oficina DoingBusiness dirixida a estudar as suxestións dos emprendedores cara a reducir as trabas burocráticas á actividade empresarial.
Sobre o financiamento que o Goberno galego ofrece aos emprendedores e autónomos, unha técnico do IGAPE afondou neste tema nunha das mesas redondas celebradas no Foro.
Por último, Toca sinalou que todas estas medidas demostran que “o Goberno galego ten posto o foco no colectivo de autónomos” do que asegurou que constitúe “unha peza clave” da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta impulsará a creación de 20.000 novos postos de traballo en 2017.