publicidade hoxe

A Xunta destaca a aposta pola innovación entre as prioridades do crecemento económico de Galicia e Norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda incidiu hoxe que entre as prioridades fundamentais nas relacións entre Galicia e o Norte de Portugal está incentivar o crecemento económico baseado na innovación, no fomento do emprego e nos emprendedores.

Alfonso Rueda participou hoxe na inauguración da xornada “As relacións económicas entre Galicia e o Norte de Portugal”, xunto ao presidente da CCDR-N, Fernando Freire de Sousa; a presidenta do CES, Corina Porro; o director do Idega, Alberto Meixide; e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, onde incidiu que a economía é un factor capital na integración entre Galicia e o Norte de Portugal, e debe seguir sendo un dos eixos da cooperación no presente e no futuro.

O vicepresidente da Xunta destacou que despois de décadas de cooperación e colaboración fluída en todos os ámbitos, hoxe en día, Galicia e Norte de Portugal son un exemplo de cooperación, recoñecido polas institucións da Unión Europea, tanto a nivel rexional, como municipal, empresarial e mesmo entre os propios cidadáns.

Nesta liña, celebrouse recentemente en Pontevedra o segundo encontro de incubadoras da Eurorrexión, que pretende poñer en marcha unha rede de incubadoras que axuden ás nosas empresas a medrar e a identificar novas oportunidades de negocio, xa que a creación de emprego é unhas das grandes prioridade, tanto a un lado como a outro do Miño, e na consecución deste obxectivo xogan un papel fundamental as nosas empresas e os nosos emprendedores.

Ademais, neste último cuarto de século puxéronse en marcha moitas iniciativas como a mellora de infraestruturas conxuntas; a posta en marcha dun Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, que se consolidou en ben pouco tempo como unha referencia mundial; o programa Iacobus de intercambio entre as universidades. Unha cooperación que se estende a todos os ámbitos, ao medio ambiente, as infraestruturas, a cultura, e tamén á xestión das emerxencias.

No Plan de Investimentos Conxuntos, aprobado en 2014, que define o destino dos fondos da cooperación transfronteiriza, teñen especial relevancia os tres sectores que hoxe se analizan nesta xornada, que son a automoción, o téxtil e o turismo, de gran relevancia na Eurorrexión, xa que foi no sector da automoción, onde por primeira vez, se puxo en marcha un clúster transfronteirizo. No eido do téxtil está en marcha un convenio para impulsar accións conxuntas neste sector punteiro da economía eurorrexional. E no sector estratéxico do turismo, con programas como “Dous países, un destino” e coa revitalización do Camiño Portugués a Santiago coa súa candidatura a Patrimonio Inmaterial da Unesco, entre outras iniciativas.

13 de decembro de 2016 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.