A Xunta completa o pago ao concello da Coruña polas obras de urbanización do parque ofimático coa transferencia de 700.000 euros
A Xunta, a través da empresa pública Xestur, completou hoxe o pago adiantado comprometido ao Concello da Coruña polas obras de urbanización do parque Ofimático mediante a transferencia de 700.000 euros, que se suman aos 3,5 millóns de euros aboados o pasado 19 de decembro.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, con este pago, cumpre os compromisos acadados a través do protocolo asinado co concello da Coruña no pasado mes de agosto. Neste acordo establecíase que a Xunta adiantaría o pago das cotas co obxectivo de garantir a execución das obras que permitirán a concesión das licenzas de ocupación das vivendas protexidas que xa están rematadas ou en fase de remate, así como os permisos de construción de novas vivendas protexidas por parte das cooperativas.
Pola súa parte, o Concello da Coruña comprometíase a licitar e executar ditas obras, polo que a Xunta agarda que a administración local cumpra os seus compromisos con celeridade, co obxectivo de garantir aos cooperativas que xa teñen as súas vivendas rematadas o rápido acceso ás mesmas con todos os servizos.
O obxectivo principal da Xunta de Galicia é garantir a concesión das licenzas de primeira ocupación para as vivendas protexidas para facilitar a rápida ocupación das mesmas por parte dos adxudicatarios.
Actualmente xa hai 24 vivendas protexidas rematadas e estase agardando a licenza de primeira ocupación para poder ser ocupadas polos seus adxudicatarios. Outras 80 vivendas están en fase avanzada de construción, outras 80 van iniciar obras en breve e un último grupo, tamén da mesma cifra, agarda a concesión da licenza de construción para iniciar as obras.