A rehabilitación en 4 inmobles da Rúa Ferrería estará rematada no primeiro semestre de 2017
As obras de rehabilitación de 4 inmobles na rúa Ferrería do Casco Vello de Vigo estarán rematadas no primeiro semestre de 2017. Así o comprobou o delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, tras supervisar estes días os traballos de recuperación nos números 10-12 e 45-47 de dita rúa da zona alta do barrio histórico.
Xunto á arquitecta técnica do Consorcio, Nuria Campos, e os responsables de ambas obras, empresa e arquitectos, o presidente do CCVV observou que os traballos avanzan a bo ritmo e que, segundo as estimacións previstas, estarán rematadas para os meses de primavera.
Unha vez que estean rematadas, se contará con 6 novas vivendas e 2 locais comerciais máis na zona alta do barrio histórico. Ademais, a previsión é que o procedemento administrativo para levar a cabo o sorteo público e ante notario destas 6 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) se inicie no primeiro trimestre do ano.
No que respecta ás obras de reestruturación en Ferrería 10-12, permitirán contar con 2 novas vivendas e 1 local comercial nun mesmo e unitario edificio. A actuación foi proxectada polos arquitectos Antonio Cominges Carvallo e Harald Binkele e a adxudicación dos mesmos se fixo por 270.000 euros. Segundo o proxecto, as vivendas serán de 1 dormitorio e terán unha superficie útil de 56,79m2 cada unha, ademais de contar cun patio exterior para a entrada de luz natural. O baixo contará con arredor de 37,48 m2.
Mentres, os traballos de rehabilitación en Ferrería 45-47 permiten a construción doutras 4 vivendas e 1 local comercial nun mesmo edificio cun investimento de 670.000 euros. Neste caso, se contará cun dúplex de 3 dormitorios, 1 vivenda con dúas habitacións e, por último, 2 pisos con 1 dormitorio ademais do baixo comercial. As superficies resultantes oscilarán entre 56,65 metros cadrados dun piso de unha habitación e 119,65 m2 do dúplex. O local contará con 63,60 metros cadrados. O proxecto contempla a existencia dun xardín posterior para conseguir luminosidade ademais de respectar e protexer as lareiras de acordo coa normativa.
Actuacións para 2017
Hai uns días iniciouse tamén a obra de rehabilitación en Subida ao Castelo 12, que ofrecerá outras 4 vivendas máis e que o vindeiro ano terá un moi importante pulo. Ademais, iniciaranse os traballos en Subida a Costa 5, recentemente adxudicadas e onde haberá outra vivenda e 1 local máis.
Por outra banda, avanzarase noutras 3 actuacións que a día de hoxe están en fase de proxecto. Trátase dos inmobles de Ferraría 8, Cruz Verde 8 e Cruz Verde 12, este último xa en proceso de demolición e baleirado interior.
En definitiva, serán máis de 2,6 millóns de euros os que se investirán na rehabilitación do Casco Vello de Vigo a través do CCVV nas seguintes actuacións nas rúas Ferraría, Cruz Verde, Subida ao Castelo e Subida á Costa e sen esquecer tamén as previstas para a Ribeira do Berbés coa adquisición de novos inmobles para rehabilitar.
Dende o seu inicio hai máis de 10 anos, o Consorcio Casco Vello de Vigo leva rehabilitadas 99 vivendas e 27 locais comerciais onde xa residen máis de 150 persoas ademais de abrir os seus negocios novos emprendedores.