A ITV da Sionlla mellorará a prestación do servizo en Santiago e impulsará a competitividade no polígono empresarial
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou esta mañá, no polígono santiagués da Sionlla, as obras da nova ITV, que permitirá mellorar a prestación do servizo aos residentes na comarca de Santiago e impulsará a competitividade neste parque empresarial.
Bernardo Tahoces sinalou que esta nova unidade de control e inspección de vehículos suporá ofrecer aos veciños da comarca santiaguesa un mellor servizo, pois ás estacións xa existentes no polígono industrial de Tambre (Santiago) e en Cacheiras (Teo) súmase esta terceira infraestrutura, aforrando deste xeito tempo e diñeiro nos desprazamentos dos clientes.
Cun investimento de 1,8 millóns de euros por parte da empresa Supervisión y Control, está previsto que as obras da ITV do polígono da Sionlla, que se encontran ao 50% da súa execución, rematen no primeiro trimestre do próximo ano, creando 8 postos de traballo. Ademais, o director xeral de Enerxía e Minas destacou que é a primeira estación modular que se implantará, apostando pola innovación para facilitar o traballo do persoal e, ao mesmo tempo, mellorar a atención dos clientes.
Con esta nova infraestrutura que empezará a funcionar en 2017, a rede de ITV en Galicia alcanzará as 35 estacións (25 fixas e 10 móbiles), dando emprego a preto de 500 persoas e garantindo a seguridade e o respecto ao medio ambiente do parque móbil galego. Ademais, a estas instalacións de control de vehículos sumarase unha máis no Carballiño, na provincia de Ourense.
O director xeral de Enerxía e Minas afirmou que este tipo de proxectos, nos que se mellora a prestación dos servizos aos cidadáns reforzando a aposta polas novas tecnoloxías, dan continuidade aos obxectivos marcados polo Goberno galego na Axenda da Competitividade de Galicia-Industria 4.0, que aposta pola modernización do sector e por fixar tecido empresarial na comunidade.