A Deputación renova a campaña para a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou hoxe durante a rolda de prensa celebrada no Pazo provincial que a institución provincial vén de reeditar a campaña para o impulso e adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos coincidindo co inicio das compras do Nadal. A campaña, que comezou o ano pasado, renóvase nesta ocasión para contar cunha nova imaxe e cun noxo xogo, o “comecocos”, que se materializará nunha figura recortable que aparecerá nos medios de comunicación impresos.
Carmela Silva asegurou que “especialmente nestas datas sempre recibimos publicidade de xoguetes que perpetúan os estereotipos e roles de xénero que foron asignados socialmente”. Estas publicidades, afirmou, “emiten mensaxes dirixidas ás nenas sobre coidado, beleza, tarefas do fogar en seccións de cor rosa e aos nenos relacionadas co deporte, ciencia ou aventura en seccións de cor azul. As nais e pais non deben permitir que as empresas de xoguetes impoñan roles ás nenas e nenos e debemos loitar contra isto dunha maneira moi activa, xa que é unha obriga dunha administración pública que cre nunha sociedade igualitaria onde todas as persoas teñan as mesmas liberdades”.
A segunda campaña de sensibilización de xogos e xoguetes non sexistas nin violentos leva por nome “Xogamos? Comámonos un pouco o coco. A diferenza non a marques ti” e consiste no tradicional “comecocos”, un xogo “divertido e motivador, no que poden participar tanto nenas e nenos sen distinción, interaccionando e favorecendo así a súa comunicación”, asegurou a Presidenta provincial, que engadiu que “queremos que as cativas e cativos personalicen o seu comecocos e inclúan todos os xogos que se lles ocorran”.
Malia isto, a Deputación de Pontevedra propón xa unha serie de xogos: “O conto do revés (conta un dos teus contos dándolle a volta ás personaxes)”, “Na procura do tesouro (agocha un tesouro e dá as indicacións frío ou quente segundo se acheguen ou afasten del)”, “Eu de maior quero ser (con mímica dille ó grupo cal é a túa profesión favorita)”, “O tres en raia (pinta unha cuadrícula con 9 ocos e a facer tres en raia)”, “Tira a lata (constrúe unha torre con 10 latas seguindo o esquema 4,3,2,1 e logo tira a bola)”, “A cidade imaxinaria (usa a túa imaxinación e crea a cidade con calquera material que atopes na cidade na que che gustaría vivir)”, “A comba” e “O xogo da cadeira (cando pare a música tes que atopar sitio para sentar)”.
A Presidenta provincial, Carmela Silva, asegurou que “consideramos fundamental recalcar a importancia dunha boa elección dos xogos, dos xoguetes, con videoxogos, dos contos e demais obxectos que mercamos ás nosas cativas e cativos” xa que, sinalou, “é a nosa responsabilidade elixir un xoguete que dea resposta ás necesidades de quen vai xogar con el, ao tempo que estimula a súa curiosidade e desenvolve a súa imaxinación e creatividade”. Neste senso, a Deputación de Pontevedra escolleu o “comecocos” por ser un xogo que “busca a cooperación, favorece a amizade, o respecto á diferenza a as relacións de igualdade fronte á rivalidade e á violencia”, engadiu Carmela Silva.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta campaña de sensibilización co obxectivo de que os xogos e xoguetes favorezan o desenvolvemento integral das máis pequenas e pequenos, facéndoos e facéndoas pensar, propiciando a súa creatividade, comunicación e axuda fronte á rivalidade, fomentando a relación entre iguais e sen vetar ningunha das capacidades que teñen as nenas e os nenos. A Deputación de Pontevedra persegue, con esta iniciativa, que os xogos e xoguetes divirtan ás cativas e cativos, “que lles permitan imaxinar un futuro no que poden desenvolver distintas profesións e gozar do coidado da súa familia, independentemente de que sexan mulleres ou homes”, lembrou a Presidenta, “sen forzar a xogar con xoguetes que non lles gustan pero tampouco impedindo que escollan os atribuídos pola sociedade a outro sexo, senón impulsando un cambio”, sinalou Carmela Silva.