publicidade hoxe

A Deputación destina 340.000 euros á segunda fase do Plan de Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou a segunda fase do Plan de Medio Ambiente (PMA), á que se destinan 339.390 euros para financiar accións de mellora e protección dos espazos naturais municipais, fomento da eficiencia enerxética e operacións de sensibilización e formación, entre outras medidas que contribúan a mellorar a calidade ambiental dos concellos coruñeses.

O PMA é un dos programas máis ambiciosos realizados ata o momento pola institución provincial en materia de medio ambiente, dotado con 5 millóns de euros e cuns criterios que benefician aos municipios máis pequenos e rurais da provincia, que son os que teñen menos densidade de poboación e maior número de espazos verdes no seu territorio.

Ademais da protección e a sensibilización sobre o medio ambiente, o PMA contempla o obxectivo de xerar emprego, un dos eixos estratéxicos de todos os plans e programas do goberno provincial presidido por Valentín González Formoso, a través da creación de brigadas medioambientais e o mantemento de postos de traballo ligados a tarefas de conservación e protección dos espazos naturais municipais.

Fomento do emprego

A segunda convocatoria do Plan de Medio Ambiente deixa 27.500 euros en Negreira para crear unha brigada medioambiental que dará emprego a cinco persoas. A estas inversións súmanse preto de 35.000 euros para a adquisición de equipos, ferramentas e contedores destinados á limpeza medioambiental.

O obxectivo da cuadrilla será mellorar a calidade medioambiental do termo municipal, recuperando espazos públicos degradados que a día de hoxe se empregan como vertedoiros incontrolados, onde a maleza e a acumulación de lixo constitúe un foco de incendios e de contaminación.

Tamén se pretende que entre as actividades a realizar por esta brigada estea presente a limpeza de espazos verdes, a recollida de lixo en lugares coma as beiras dos ríos e a realización de actividades destinadas á protección do medio ambiente e a mellorar a concienciación social sobre a natureza.
En San Sadurniño, tamén se creará unha brigada medioambiental grazas á achega de 10.166 euros do PMA. Os fondos provinciais sufragarán a contratación de dous peóns, que realizarán tarefas de limpeza e mantemento de espazos verdes públicos, coma xardíns, áreas recreativas, o paseo fluvial ou rutas de sendeirismo. Así mesmo, encargaranse da limpeza viaria, a recollida de papeleiras e o mantemento das bases e soportes dos colectores de recollida de lixo.

Asemade, o PMA permitirá o mantemento do posto de traballo dun condutor de tractor municipal en Ponteceso, sufragando con 16.800 euros os gastos correspondentes ás nóminas e seguridade social do tractorista, ademais dos custes derivados das reparacións e combustible do vehículo.

Eficiencia enerxética en San Sadurniño

O concello de San Sadurniño recibe un total de 61.766 euros do Plan de Medio Ambiente, que ademais de financiar a brigada ambiental, permitirán a adquisición dunha desbrozadora de brazo e reformas na casa consistorial.

En concreto, a Deputación fai unha achega de 36.300 euros para substituír a carpintería exterior da casa do concello, situada no antigo Pazo da Merquesa, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética.

O mal estado da carpintería exterior ocasiona dificultades para calefactar o espazo de traballo á temperatura recomendable e un gasto de combustible innecesario, polo que se fai indispensable a súa substitución. A carpintería nova adaptarase ao deseño das orixinais, con apertura francesa de dúas follas, agás no feito de que os vidros e a cámara de aire serán máis grosos que os actuais.

As pezas que van ser substituídas son oito portas balconeiras dobres, a porta de entrada e nove fiestras dobres. Ademais de pequenas reparacións nas paredes, soleiras, desaugadoiros e outros elementos que poidan resultar danados coa colocación dos novos marcos.

As actuacións financiadas polo PMA contribuirán á valorización do patrimonio público e á mellora da estética da praza na que se atopa a casa do concello de San Sadurniño.

Mellora de espazos verdes en Narón

Outro dos concellos da comarca de Ferrol que se beneficiará da nova fase do Plan de Medio Ambiente é Narón, que recibe un total de 41.300 euros para mellorar a eficiencia enerxética do complexo polideportivo da Gándara e acondicionar a nova ampliación do parque do Couto.

Ás instalacións deportivas da Gándara destínanse 29.370 euros, co obxectivo de reducir os custes enerxéticos e a contaminación lumínica. O proxecto contempla a colación de medio centenar de proxectores de tecnoloxía LED, ademais da desmontaxe dos proxectores actuais e o seu traslado á planta de reciclaxe.

Doutra banda, 11.930 euros do PMA destinaranse á limpeza e acondicionamento da nova ampliación do parque do Couto. Este espazo de 5.896 metros cadrados estaba dedicado á explotación forestal, polo que é necesaria a retirada das especies non autóctonas, a limpeza de madeiras e vexetación invasora e o acondicionamento xeral da zona coa preparación e sementado da herba. A actuación no principal pulmón da zona urbana de Narón complétase coa colocación de seis mesas con bancos de madeira de pino tratado e tres papeleiras igualmente de madeira.

Renovación das redes de saneamento e abastecemento en Vilasantar

O concello de Vilasantar resultou especialmente beneficiado na segunda fase do PMA, xa que recibe a maior achega de toda a provincia : 70.750 euros, que se destinarán na súa maioría a mellorar as redes de saneamento e abastecemento de auga en diferentes puntos do concello.

Así, os fondos provinciais financiarán un proxecto de renovación e mellora nas instalacións da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Présaras, un sistema de depuración deseñado para 400 habitantes. Os traballos a desenrolar consisten na substitución de maquinaria e elementos de control, que garantan unha mellor calidade e continuidade no tratamento das augas e a súa posterior distribución para o consumo da poboación. Así mesmo, melloraranse os equipos de dosificación de axentes químicos desinfectantes e de control dos parámetros que determinan a calidade do auga que se distribúe aos fogares.

Na mesma liña, renovarase e mellorarse o sistema de depuración e control das augas da piscina municipal de Vilasantar, cunha achega de 16.858 euros.

O PMA tamén deixa 22.600 euros para executar unha nova rede de saneamento no lugar de Fonte Camba que dará servizo a máis de 90 habitantes. O proxecto comprende a execución de colectores por gravidade e impulsión, un sistema de bombeo, arquetas, pozos de rexistro e equipos de control e xestión electrónica.

Asemade, dotarase ao concello dun vehículo 4×4 destinado a actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas accións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.

Os proxectos de inversións relacionados coa renovación e mellora das redes de saneamento e abastecemento son unha das liñas clave de actuación do PMA. Así, o concello de Coristanco tamén solicitou os fondos provinciais para acometer reformas nas depuradoras de Conles, A Miñata, Canal e Curras. E en Ponteceso, serán tres os proxectos que financiará o PMA nesta liña : a posta a punto da depuradora de pazos, melloras no tanque de tormenta e na EDAR de Corme e a instalación dunha reixa para o saneamento na mesma localidade.

27 de decembro de 2016 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.