publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra falla os Premios Sofía Novoa Ortiz á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, deron a coñecer hoxe na rolda de prensa celebrada no Pazo provincial o fallo da primeira edición dos “Premios Sofía Novoa Ortiz” convocados pola Deputación de Pontevedra, que premian a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster. O xurado dos galardóns, ao que foi candidato o alumnado dos campus de Vigo e de Pontevedra da Universidade de Vigo, estivo presidido pola Deputada de Igualdade e, entre as súas compoñentes, atopábanse a Deputada de Emprego, Montse Magallanes, a profesora de didáctica das ciencias experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo en Pontevedra María Álvarez Lires e a profesora de filosofía na Facultade de Ciencias da Educación da UVigo en Ourense Purificación Mayobre, ademais da xefa e unha técnica do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

Na modalidade de traballo de fin de grao, outorgáronse dous premios de 1.000 € aos traballos de Laura Serén García (de Pontevedra) e Cristina Gandón Villar (de Cangas), respectivamente “A asemblea como recurso educativo para fomentar a igualdade entre os sexos na educación primaria” e “El lenguaje icónico en los libros de texto desde una perspectiva de género y su evolución desde EGB hasta Primaria” ademais dun accésit de 600 € para “Impacto psicosocial en la mujer mastectomizada: rol de enfermaría”, traballo de Carla Novo (de Vigo).

Pola outra banda, os traballos de Lucía Pereyra García (de Pontevedra) e Isabela Andrés Alonso (de Ourense), isto é, “Evolución da linguaxe non sexista e papel da muller en dous libros de texto de historia (1989 e 2015)” e “There are no ugly women, only lazy ones”, foron os que levaron os dous premios de 1.000 € na modalidade de traballo fin de máster e, xunto a eles, o accésit de 600 euros foi outorgado a “Igualdad de género: un análisis longitudinal de las imágenes en los libros de enseñanza secundaria obligatoria y el bachillerato unificado polivalente”, de Andrea Álvarez Rodríguez (de Vigo). Isaura Abelairas asegurou que todos os traballos foron premiados por unanimidade, con diferenzas mínimas de un ou dous puntos nas puntuacións de cada unha das integrantes do xurado.

Os “Premios Sofía Novoa Ortiz” pretenden impulsar o estudo e a investigación do significado e alcance da Igualdade entre mulleres e homes nuns galardóns que convoca a Deputación de Pontevedra, consciente da importancia de ditos estudos e investigacións, ao considerar que a Igualdade repercute en beneficio do progreso e do benestar do conxunto da sociedade. A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirmou que “é fundamental que dende o coñecemento, a investigación e a análise estean os principios da Igualdade e non pode haber nada mellor que facelo dende a Universidade”.

A Deputada de Igualdade lembrou que “este ano se presentaron un total de 22 traballos, once para cada unha das dúas categorías” a uns premios cuxos obxectivos son o fomento, a consolidación e o impulso á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos académicos. “Temos que seguir traballando para ser quen de acadar unha igualdade real”, asegurou.

Sofía Novoa Ortiz é unha das moitas mulleres esquecidas pola historia e cuxa memoria cuxa memoria comezou a ser recuperada recentemente grazas aos estudos elaborados por Leticia Sánchez, Ricardo Gurriarán, Elvira Melián… Aos 17 anos ingresou na “Residencia de Señoritas”, en Madrid, dependente dunha institución que se encargaba de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España no primeiro terzo do século XX: a “Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas”. A Residencia de Señoritas, na que Novoa Ortiz foi unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo, posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres, xa que daquela só podían estudar especialidades ou doutorarse en Madrid.

16 de decembro de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.